A institución presentará esta nova iniciativa turística baseada nos recursos naturais e as súas posibilidades turísticas. O obxectivo é dar a coñecer os camioños que a auga propón en Lugo
18 ene 2025 . Actualizado a las 19:44 h.A Deputación de Lugo presentará a súa nova campaña de turismo, «Provincia de Lugo. Mergúllate na maxia das súas augas», o vindeiro venres, 24 de xaneiro, ás 12.00 horas, no expositor de Turismo de Galicia, na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra en Madrid a semana que vén.
Esta nova campaña da institución provincial representa, segundo explican, a súa aposta polo turismo azul e enmárcase no seu modelo de promoción do territorio sostible, de calidade e de experiencias.
O presidente da Deputación, José Tomé Roca, será o encargado de dar a coñecer as novidades desta iniciativa baseada nos camiños que a auga propón en Lugo. Eses camiños fan referencia, segundo indican dende a Deputación, a todos aqueles espazos nos que a auga gaña protagonismo.
«Dende as rutas fluviais en catamarán polos canóns do Sil —impulsada tamén por esta institución e nas que participaron 61.500 persoas o pasado ano— ata os infinitos regatos e cascadas que regan o territorio, as zonas húmidas (que a provincia ten os 40 % das inventariadas en Galicia) ou os 100 quilómetros de costa cos que A Mariña dispón fronte ao Cantábrico», explican.
Neste caso, a estratexia turística da entidade provincia afonda nos recursos naturais, que multiplican «ata o infinito» as propostas turísticas baseadas na natureza e no deporte e marcan tamén a gastronomía. «A iniciativa encáixase no turismo non masificado, ligado ás experiencias e ao contacto coa natureza que impulsamos desde a Deputación de Lugo», abunda José Tomé Roca. O presidente avanzou, así mesmo, que se presentará un vídeo promocional que amosa «a importancia da auga».
Durante a celebración da Fitur 2025, ademais de dar a coñecer esta nova iniciativa enfocada no turismo azul da provincia de Lugo, o presidente da deputación e a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participarán en diferentes presentacións e actos.
Entre outros, nas presentacións das novidades turísticas do Concello de Lugo, da Mancomunidade de Concellos da Mariña, do Consorcio da Ribeira Sacra, da Expomar e doutros de relevancia provincial, galega e estatal. Ademais, aseguran que aproveitarán a súa presenza en Fitur para celebrar reunións de traballo con diferentes profesionais do sector turístico.
En anos anteriores: dende cine e documentais ata gastronomía
En anos anteriores as propostas turísticas da Deputación na Fitur tocaron diferentes sectores. No ano 2022 buscaron impulsar o turismo a través do audiovisual, unha vía «moi interesante para a promoción do territorio». No 2023 presentaron un documental sobre a provincia lucense, co actor lucense Chechu Salgado como protagonista, e no 2024 apostaron pola gastronomía.