Esta semana semana La Voz de Galicia en Lugo publicou unha magnífica reportaxe sobre a avaliación que veu pasarlle a Unesco á Muralla de Lugo, algo que sucede cada dez anos e que polo tanto serve para poñer moitas cousas en perspectiva. Moitos motivos para alegrarse, por sorte, pero tamén moitos para reflexionar. Non hai dúbida de que nas últimas décadas aprendemos a valorar, querer e coidar mellor o noso gran monumento, pero non hai dúbida de que a marxe de mellora segue sendo xigante, o que permite que con traballo e esforzo queden moitas novas noticias positivas por vivir, contar e publicar no futuro.
Coincido co informe e coa interpretación cando di que no referente á promoción, divulgación e difusión popular hai moito por mellorar. Tamén no que se refire ao insuficiente rendemento económico directo (e non me refiro a cobrar por visitala, opción da que eu non son partidario) que de momento se lle saca a un monumento único que pode ou podería estar en centos de clasificacións de monumentos importantísimos do noso planeta.
Lugo, Galicia e España aínda non promocionaron nada, en relación ao que realmente merece, a Muralla. Nin falar de todo o patrimonio arqueolóxico que a rodea, e que sería a chave fundamental para que o centro histórico se convertese en cidade Patrimonio Mundial (algo que sería importantísimo para Lugo e ao que debería aspirarse con total decisión dende xa mesmo).
Para o meu ver é sinxelamente incrible que non haxa unha promoción diaria das infinitas curiosidades que a Muralla lle ten que contar ao mundo sobre a civilización romana e sobre a enxeñería militar da época. Canto alucinan os que a coñecen! E canto se perden os que non! Non? Non teremos algo pendente nese senso? Eu estou seguro de que si.
Volvendo ao do rendemento económico, que estaría moi ligado á promoción e tamén —e fundamental— á mellora das pésimas comunicacións de Lugo (especialmente no que a trens se refire), estimular a formación en Turismo, Historia e Arqueoloxía é imprescindible. Eu levo vivindo xa dez anos, catro como asalariado e seis por libre, como autónomo, da historia de Lugo.
E vendo que hai un oco xigante para que se incorporen moitísimos profesionais a todo isto. Non é unha broma para unha cidade na que tantos mozos e mozas seguen marchando para buscar boas oportunidades laborais na súa vida. Poden quedar! Hai espazo! Pero hai que apostar en serio, de verdade, por estas cousas. Temos que convencernos e deixar de postergar.
Son demasiados anos sen inversións verdadeiras en potenciar a nosa arqueoloxía, o noso pasado e a nosa historia. Houbo cousas moi ben feitas, pero é tempo de continuar o traballo. Non nos podemos conformar, salvo que os que xa temos traballo estable nos poñamos en modo egoísta e nos conformemos, sen pensar nas novas xeracións que veñen por diante.
Non valen as escusas, aquí todos temos as nosas responsabilidades: Concello, Deputación, Xunta, Goberno, profesionais, cidadáns... hai que facer forza e reivindicar o que nos corresponde: unha Muralla coñecida e valorada en todo o mundo, un Lugo Patrimonio Mundial, unha cidade eixo dunha provincia enteira onde o turismo sostible xa é unha realidade, pero cunha marxe de crecemento enorme para que moita máis xente poida vivir disto e xerar en consecuencia o mellor seguro de vida para protexer e salvagardar a nosa historia e o noso patrimonio. Xacemento da Tinería in situ, xacemento de Adai, máis investigación do subsolo... parabéns, Muralla, por ese gran cuarto de século como Patrimonio da Humanidade, pero non esquezamos os deberes... por ti, por Lugo e por todos os que te queremos.