O deporte venceu ao frío na Fonsagrada, na terceira edición do Trail Terras de Burón, organizado polo Club de Montaña Terras de Burón

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO

As probas deportivas reuniron a 750 parcipantes, unha cifra superior a das outras dúas edicións. Está organizado polo Club de Montaña Terras de Burón, que fai un gran traballo anos tras ano para que a cita siga celebrándose

27 ene 2025 . Actualizado a las 10:32 h.

As rúas e montes da Fonsagrada convertéronse este sábado en espazos deportivos e acolleron as 750 persoas que participaron no III Trail Terras de Burón (Trail de Inverno). O deporte venceu ao frío é as previsións de choiva, e as carreiras foron as protagonistas da xornada, organizada polo Club de Montaña Terras de Burón, coa colaboración do Concello da Fonsagrada co apoio da Deputación.

Dende as 8.30 horas, da praza do Concello partiron diferentes probas deportivas. Houbo unha andaina de 15 quilómetros con 750 de desnivel positivo e tres carreiras de montaña. Trailiño (18 quilómetros con un desnivel de 1.000 metros), Trail das Seimeiras (30 quilómetros e un desnivel de 1.650), e o Maratón das Seimeiras (40 quilómetros e 2.200 metros de desnivel).

O Trail de inverno bateu onte cifras de participación, superiores as das dúas edicións pasadas, e ratificou a súa posición como unha das grandes citas de montaña no calendario galego. Ademais de fomentar o deporte en plena natureza, o evento repercute positivamente na economía local. Así o indicou este sábado o presidente da Deputación, José Tomé Roca, que foi o encargado de entregar os premios xunto ao alcalde fonsagradino, Carlos López.

Tomé felicitou aos gañadores e asegurou que «os datos de participación reflicten que este evento segue medrando». O Club de Montaña Terras de Burón fai un gran traballo, ás veces, inapreciable, para que este evento siga consolidándose coma unha cita de referencia.