Que di a IA?

LUGO

19 feb 2025 . Actualizado a las 20:29 h.

A IA está a modificar, de xeito efectivo, moitos aspectos da nosa vida cotiá e un deles reflíctese nas numerosas noticias de prensa nas que se formula a pregunta de que diría sobre este ou aqueloutro asunto: que pensa a IA sobre as causas polas que se separan as parellas? Que opina sobre o futuro do universo ou sobre os problemas para durmir?

O ser humano sempre está ateigado de interrogantes e tamén da fantasía de que o camiño para chegar ao coñecemento poida ter atallos. Cando somos cativos, estamos convencidos de que os nosos pais posúen todo o saber do mundo e por iso os asfixiamos a preguntas. A min, un dos meus fillos preguntábame as cousas máis peregrinas: cálculos de cantidades aos que eu non podía dar resposta nin remotamente atinada; mais non quería que procurase a información, quería que a calculase: «ti que pensas», dicíame, e iso o que eu pensaba- era o que quería saber coa teimosía do principiño, que xa se sabe que nunca renunciou a unha pregunta. Tamén lle gustaba formularme dilemas. Cousas como: que preferirías, pasar tres días sen comer ou ter que comer sesenta mazás nun día?

E velaí que agora temos a intelixencia artificial para lle formular todas as cuestións que queiramos e compartirmos con ela as nosas ideas máis tolas e vermos que responde. Neste mundo que dubida de toda trascendencia, atopamos, nos circuítos, o abismo ao que lanzar as nosas inquedanzas, o noso novo Oráculo de Delfos. Acabo de facer a proba co tema das mazás e respondeume: «Se fose unha persoa, probablemente preferiría comer as 60 mazás nun día. Pasar tres días sen comer sería moi duro, mentres que, aínda que 60 mazás serían un desafío (e quizais un problema dixestivo...), polo menos estaría a inxerir algo de enerxía. Ademais, sempre podería facer zumes, puré ou atopar algunha forma de variar a textura para facelo máis levadeiro. Ti que farías?» Cando menos fala moi ben galego. Máis cá maioría dos oráculos.