Nadela culmina a celebración do 160 aniversario da súa feira cunha exposición de fotos antigas

LUGO











Trátase dunha selección de case 50 imaxes recollidas por veciños da parroquia coa axuda do Arquivo Municipal. Tamén celebraron un xantar no que superaron as 300 asistentes
24 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Nadela despediu esta fin de semana a conmemoración do 160 aniversario da súa Feira do Entroido, unha cita con gran arraigo na zona e na que é habitual encontrar distintos postos con produtos típicos para esta tempada de cocido como chourizos, grelos, costelas ou cachucha, ademais de doces como orellas ou filloas. O sábado tivo lugar o mercado, pasacalles, sesión vermú e o pregón da man do cociñeiro Santi Almuiña, ao que seguiu a actuación de Diego Flaneur que interpretrou o seu tema Feira de Nadela.
O día non axudou en principio demasiado, pero ao final pola tarde houbo moi boa afluencia de xente, tanto polo concurso de disfraces como para a última hora da feira tanto para o pregón como para a actuación musical», conta Adrián Gómez, da asociación de Lugo San Xoán de Pena.
Pero a celebración non rematou aí. Este domingo o colectivo, organizador da cita por segundo ano consecutivo, xuntou aos veciños nunha festa para celebrar este máis de século e medio de tradición na parroquia luguesa, que segue máis viva ca nunca. Na comida, a base dun cocido, superaron as 300 persoas. «Principalmente eran de parroquia e das parroquias veciñas, pero tamén veu xente de Lugo».
Tamén inauguraron unha exposición fotográfica con imaxes antigas da feira centenaria que é a única que se conserva no municipio de Lugo. Trátase dunha selección de case 50 fotografías recollidas por veciños e veciñas de Nadela, coa axuda do Arquivo Municipal, que van desde os anos 20 ata os 70. Con ela queren recordar a orixe do inicio destas xuntanzas na zona, que dende o século XIX sempre se fixeron na carballeira e non cambiaron de lugar.