Lugo sostible e solidario

LUGO

25 feb 2025 . Actualizado a las 18:23 h.

 A nosa cidade vive un proceso de transformación e de adaptación aos novos tempos. Por unha banda, cómpre salientarmos a aposta por unha planta de biomasa que fará máis sostible o campus universitario e que permitirá diminuír as emisións de dióxido de carbono; por outra, a reconversión do antigo matadoiro San Xoán de Pena nun albergue para a Sociedade Protectora de Animais e Plantas.

Son novidades importantes que implican un proceso de resignificación dos espazos. Que o que foi un lugar de sacrificio se convirta, agora, nun espazo para a atención de animais en situación de abandono ten un algo de xustiza poética. Conforta ver toda esa xente nova reunida nunha sala da Facultade de Veterinaria para estudaren solucións que permitan solventar os problemas da Protectora, malia que saibamos que existe a outra cara que fai todo isto necesario: a do abandono, a de quen deixa un canciño en calquera sitio porque lle molesta ou porque xa non se acomoda ao seu xeito de vida.

Tamén Lugo acolle toda esta sorte de contradicións. Así, mentres vemos avances en infraestruturas como as referidas, as comunicacións seguen sendo un asunto pendente: seguen a ser noticia os problemas co tren, a necesidade de derivar pasaxeiros a autobuses polas numerosas incidencias. Abrimos hai uns días, iso si, un anaquiño máis da autovía Lugo-Santiago; mais, coma sempre, dilátase no horizonte o intre no que poidamos ver esta infraestrutura tan necesaria rematada. Cómpre traballarmos internamente e tamén na comunicación para que non nos pase coma no poema de Xosé María Díaz Castro, nado tamén en Lugo, nos Vilares (Guitiriz). El aplicouno a toda Galicia, pero igual sabía especialmente o que é iso de «un paso adiante e outro atrás» por ser lucense. Dese xeito, dicía o poeta, «a tea dos teus soños non se move». Cómpre un Lugo dinámico e conectado, ademais de sostible e solidario.