Jose Varela, director do Centro Daigaku de Lugo: «A música e as artes marciais teñen unha gran relación»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Jose Varela dirixe o Centro Daigaku de Lugo
Jose Varela dirixe o Centro Daigaku de Lugo LAURA LÓPEZ

A academia, especializada en música tradicional, acolle este sábado a presentación do libro «Co violino ao carrelo», de Alexandre Cadarso

26 mar 2025 . Actualizado a las 12:15 h.

A música tradicional é o piar sobre o que se asenta a academia de formación musical de Lugo Centro Daigaku, onde, ademais, medra ano tras ano o peso das artes marciais, coma unha arte máis que ten máis puntos en común coa música galega do que podería semellar a simple vista.

As instalacións do Centro Daigaku, especializado en músicas tradicionais e folk, acollen este sábado, día 29, ás 18.00 horas, a presentación do libro Co violino ao carrelo, de Alexandre Cadarso Suárez «Cano» (Compostela, 1961). O director da academia, Jose Varela, explica todos os detalles do evento.

—Sobre que trata o libro?

—O libro fai un repaso da historia do violín como instrumento de corda frotada, desde os primeiros instrumentos que se facían soar frotando un arco sobre cordas fixadas a unha caixa de resonancia ata o instrumento actual. E tamén repasa a representación iconográfica do violín en Galicia. Ademais, contén unha aproximación ao legado dos violinistas cegos en Galicia e presenta unha compilación de partituras da tradición musical de Galicia, de repertorios de música dos cegos, pero tamén doutros instrumentos tradicionais galegos, como a gaita, mostrando que o violín se adapta á perfección á interpretación e reinterpretación da música do noso país. Entre elas, hainas de Florencio, O cego dos Vilares.

—En que consistirá o acto do sábado?

—Será a presentación do libro, seguida dun coloquio e unha rolda e preguntas ao autor sobre a obra. Tamén faremos un concerto do Grupo de Violín Tradicional e Folk do Centro Daigaku, que mostrará parte do traballo de docencia de músicas tradicionais e folk e, especificamente, a do violín, cun repertorio extraído do libro que se vai presentar, e que forma parte do currículo formativo do centro. Este repertorio constará, na súa maioría, do repertorio interpretado por Florencio, O cego dos Vilares.

—Está aumentando o interese polo violín?

—En Galicia estase impulsando cada vez máis o traballo co violín folk e tradicional. Nós levamos dez anos co centro e notamos que o interese medra.

—Que instrumentos están presentes nas ensinanzas da escola?

—Ofrecemos clases de piano, guitarra, canto, violín, gaita, zanfona, percusión tradicional... para todas as idades. Tamén impartimos artes marciais, como bujinkan budo taijutsu.

—Casan ben a música e as artes marciais?

—A música e as artes marciais teñen unha gran relación, sobre todo a nivel coordinativo. Por exemplo, na música trabállase coa coordinación motora fina, mentres que nas artes marciais, partes da coordinación motora grosa para chegar á fina, e podes encaixar ambas disciplinas, que son artes en ambos casos.