Premio á calidade lingüística da revista «Vencellos», creada por unha moza de Parga: «O galego é a miña opción natural, nunca valorei outra alternativa»
LUGO

O traballo da xornalista Lucía Campos, que busca dar a coñecer artistas galegos de diferentes disciplinas das belas artes, foi un dos galardoados pola USC
09 abr 2025 . Actualizado a las 13:18 h.A USC premiou hai uns días a calidade lingüística en galego dos traballos de fin de curso, de fin de grao e de fin de mestrado do seu estudantado. Entre os galardoados está a revista dixital Vencellos: interpretando a arte, de Lucía Campos (Parga, 2001). Esta moza luguesa, do dobre grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual da USC, creou esta publicación, que combina arte e comunicación, para o seu TFG. A obtención deste premio, que valora a calidade e a corrección lingüísticas do uso do galego, supón para ela poñer a guinda a un traballo no que investiu tantas ganas e tempo.
Lucía Campos, que ademais foi a encargada de intervir, en representación das persoas premiadas, no acto académico no paraninfo da universidade, confesou sentirse «en débeda con todas aquelas persoas que antes ca nós loitaron para que eu puidese desenvolver toda a miña vida, tamén estudar, en galego». Por iso, afirmou, «este recoñecemento non é só noso, senón tamén de todas elas e das que hoxe normalizan o galego como ferramenta de expresión, cultura e convivencia que é».
Para esta moza lucense, o galego sempre foi o seu idioma: «O galego é a miña opción natural, nunca valorei outra alternativa. Tiven o privilexio de recibir unha educación en galego, de medrar nun ambiente onde a miña lingua non era unha excepción nin unha resistencia, senón algo natural». Lucía Campos considera que a lingua é «moito máis ca un instrumento de comunicación. É memoria, identidade e futuro». Por iso, recibir o premio, ademais de producirlle satisfacción, recórdalle a «responsabilidade que temos como futuros profesionais e cidadáns do mundo». Para ela, a verdadeira normalización «non depende só de leis ou institucións, senón das decisións que tomamos cada un de nós: en que lingua escribimos unha mensaxe, en que lingua atendemos un cliente, en que lingua falamos coas nosas fillas e fillos».

Visión innovadora da arte
Por todo iso, Lucía non tivo dúbidas á hora de elixir o galego para dar vida a Vencellos: interpretando a arte, un proxecto para dar a coñecer artistas galegos de sete disciplinas artísticas diferentes: pintura, arquitectura, escultura, danza, música, literatura e cine. Mediante diferentes formatos xornalísticos e audiovisuais, preténdese retratar a figura de sete artistas, o seu traballo e a súa visión sobre a arte. Na primeira edición da revista, os protagonistas comparten un «vencello» común, a nova concepción da arte e das súas disciplinas e a súa visión innovadora: «A arte sempre foi un reflexo da sociedade na que se crea e é por iso polo que cada autor ten a súa propia concepción. Capturar estas novas percepcións permite comprender como evolucionan as ideas, os valores e tamén o xeito no que se desenvolve cada disciplina».
Ademais de contar cunha web multimedia, tamén se empregou a rede social Instagram (@revista.vencellos), que permite divulgar o proxecto e construír comunidade.