O auditorio Fuxan os Ventos acollerá tres dos oito concertos do 52 Festival de Música Cidade de Lugo
LUGO

O decano dos eventos musicais de Galicia traerá figuras de prestixio internacional entre os días 17 e 31 de maio
23 abr 2025 . Actualizado a las 17:00 h.O auditorio Fuxan os Ventos será escenario este ano de tres dos oito concertos do decano dos festivais de música antiga de Galicia, o Festival de Música Cidade de Lugo, antiga Semana do Corpus. Entre os días 17 e 31 de maio estarán na capital lucense destacadas figuras e orquestras da música clásica, con actuacións que tamén se celebrarán no Círculo das Artes e no Conservatorio Xoán Montes.
O tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola deputada provincial responsábel da área de Cultura, Iria Castro, e Xosé Luís Díaz en representación da Sociedade Filarmónica de Lugo, presentaron este mércores o 52 Festival de Música Cidade de Lugo, que volve en 2025 con oito concertos con carácter internacional e presenza galega.
Arroxo destacou que este é «o festival de música máis antigo de Galiza, e un dos máis antigos do estado, que celebra este ano a súa 52 edición», e afirmou que o programa deste ano «inclúe a artistas e propostas musicais de gran calidade artística e prestixio internacional»
«Desde a área de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo mantemos o noso compromiso con todas as manifestacións artísticas, apoiando ao tecido cultural local e favorecendo que a veciñanza poida desfrutar de propostas que sen este tipo de iniciativas non sería posible ver en Lugo», explicou Iria Castro, que engadiu «este ano, contaremos cunha actividade de música na rúa a cargo de estudantes do Conservatorio, escolas de música e agrupacións e intérpretes locais».
A responsable provincial de Cultura destacou o papel da Sociedade Filarmónica de Lugo «na organización ano tras ano desta mostra garantindo sempre a calidade das e dos artistas escollidos».
Esta é a programación do 52 Festival de Música Cidade de Lugo
- 17 de maio - Auditorio Fuxan Os Ventos - 20:30 h. Gallaecia Ensemble Barroco Eu, Francesca (conmemoración do 400 aniversario da creación de La Liberazzione di Ruggiero de Francesca Caccini - primeira ópera que se conserva composta por unha muller).
- 20 de maio - Círculo das Artes - 20:30 h. La Spagna. Jiayu Jin, soprano. Lamenti di donna
- 23 de maio ? Conservatorio Prof. de Música “Xoán Montes” - 20:30 h La Ritirata Il Spiritillo Brando (Músicas cortesanas de Italia e España na transición do Renacemento ó Barroco)
- 24 de maio - Círculo das Artes - 20:30 h. Cosmos Quartet. Ecos Londinenses (Haydn, Adès, Purcell & Britten)
- 27 de maio ? Conservatorio Prof. de Música “Xoán Montes” - 20:30 h. Eduardo Fernández, piano. Recital (Bach, Sibelius, Liszt & Chopin)
- 29 de maio - Círculo das Artes - 20:30 h. Carlos Mena, contratenor. Concerto 1700 Sacro Vivaldi
- 30 de maio - Auditorio Fuxan Os Ventos - 20:30 h. Orquestra Gaos. Daniel Vlashi, violín. Fernando Briones, director. Bruch: Concerto para violín / Falla: O Sombreiro de tres picos
- 31 de maio - Auditorio Fuxan Os Ventos - 20:30 h. Orquestra Sinfónica Vigo 430. Nancy Zhou, violín. Isabel Rubio, directora. Chaikovski: Concerto para violín / Beethoven: Sinfonía nº 6