Nace un novo grupo de música en Lugo: «As charangas ofrecemos un espectáculo moi completo en directo e a pé de rúa»
LUGO

Músicos da provincia, ex integrantes de grandes orquestras, crearon este ano a agrupación Bamboleo, para vermús, tardeos e outros eventos. O saxofonista José Manuel López, é un dos impulsores da formación
15 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Nace na provincia de Lugo unha nova agrupación musical, Bamboleo, para amenizar vermús, tardeos e outros eventos. A charanga, integrada por mestres de música e ex compoñentes de grandes orquestras, debutou con éxito en varias celebracións lucenses. Provistos de equipos de son e iluminación propios, todos os temas que interpretan son versións propias. José Manuel López, mestre de música no colexio Terra Chá, de Vilalba, é saxofonista en Bamboleo e un dos fundadores desta formación, integrada por músicos da provincia e arredores.
—Como nace este grupo musical?
—Pois foi a principios de ano, falámolo entre Nacho Pedrosa, profesor de música en Lugo, e máis eu. A idea era crear unha agrupación musical para actuacións de verán e fines de semana, para festas, pasarrúas... pero tamén para eventos como vodas, comuñóns... E xurdiu esta formación, que finalmente é máis un conxunto musical ca unha charanga.
—Cal sería a diferenza entre unha charanga e un grupo de música?
—Unha charanga ofrece música de pasarrúas, sen instrumentos electrónicos, pero nós temos batería, vocalista, equipos de son e iluminación... E temos un repertorio moi amplo, de charanga, pero tamén con máis temas.
—Que tipo de temas interpretan?
—Temos versións propias de todos os temas, a maioría, con letras en galego, de música actual e máis clásica, con moito pop e rock en galego. Tamén contamos con música latina e algún tema de composición propia, coma o Merengue Bamboleo. Son todos temas moi bailables e dinámicos.
—A que cre que se debe o auxe das charangas e formacións musicais similares?
—Por un lado, a nivel económico, unha orquestra require un gran gasto, mentres que coa charanga o orzamento é inferior. As charangas ofrecemos un espectáculo moi completo, de calidade, con música en directo e a pé de rúa ou adaptándonos a un escenario pequeno.
—Que músicos compoñen o grupo Bamboleo?
—Está María, de Outeiro de Rei, que foi saxofonista da orquestra Los Satélites ata o 2024 e é unha das grandes saxofonistas de Galicia; Roberto, trompetista que traballa na Escola de Música de Lugo e tamén formou parte da orquestra El Combo Dominicano; Esteban, teclista de Portomarín, que estivo no grupo Tatoo; César, trompetista da Terra Chá; Juan Carlos, trombón, de Celanova; Nacho Pedrosa, batería, percusión e vocalista; e eu, ao saxofón.
—Teñen moitas actuacións contratadas proximamente?
—Pois de momento, xa actuamos en A Pobra de San Xiao, na Festa do Caldo de Ósos de Taboada e en Friol. E para o mes de agosto xa temos citas reservadas en concellos como Castro de Rei, Bóveda ou O Corgo.