Esta semana, o Pazo de Tor acolleu as quintas xornadas pacegas, nas que se falou dos espazos da literatura, cun especial protagonismo das terras lucenses: o Courel de Uxio Novoneyra; os espazos vivenciais e poéticos de Manuel María… A inscrición da memoria literaria na paisaxe xoga un papel moi relevante á hora de xerarmos espazos culturais, de coñecemento e convivencia. O propio Pazo de Tor é un deses lugares recuperados para avivecermos a cultura compartida, cunha posta en valor da nosa historia e, máis en concreto, os nosos pazos, que foron conformando un auténtico cronotopo da literatura galega e son parte esencial da nosa estirpe. Poida que ningunha outra forma de conservación e utilización sexa máis dignificadora ca esta.
A rede museística galega é abraiante no seu repertorio e dinamismo cultural. O noso Museo é, como lle corresponde, o foco central do pasado da Gallaecia romana. E as Casas Museo dos escritores e escritoras espalladas polo territorio pequenos fachos que, aquí e acolá, abren as súas portas para que todos e todas poidamos achegarnos e participar, coñecer e compartir.
Cando Otero Pedrayo vía con nostalxia a decadencia da fidalguía e dos pazos galegos, cando o reflectiu nas súas obras, en Arredor de si, mais sobre todo en Os camiños da vida, coido que se tería sentido reconfortado se soubese que moitos acabarían sendo un espazo de cultura colectiva onde Nós, os galegos e galegas, designados así, co pronome colectivo, como a xeración da que el formou parte, podemos xuntarnos arredor destas lareiras culturais capaces de manter a calor dun lume nas serras do Courel ou no corazón do noso rural, tan ferido. Cómpre que o difundamos para podermos aproveitalo e compartilo. Visiten a Casa-Museo Manuel María, a de Uxío Novoneyra, fagan o roteiro Fiz Vergara Vilariño. E o vindeiro ano, acudan ao Pazo de Tor para as VI xornadas pacegas.