




Na Facultade de Veterinaria reuníronse máis de 200 estudantes que logo de rematar os seus estudos cunha media de sobresaínte se matricularon na PAU
11 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo serviu como escenario para render tributo este martes aos máis de 200 estudantes que logo de completar os seus respectivos ciclos superiores de Formación Profesional cunha nota media de sobresaínte, se matricularon na Proba de Acceso á Universidade (PAU), que se realizou este ano entre o 3 e o 5 de xuño. O auditorio foi o escenario no que se desenvolveu este acto institucional, que estivo presidido polo reitor Antonio López Díaz, que serviu para poñer en valor a FP como unha vía máis de acceso ao Sistema Universitario de Galicia.
Ampliar a formación nas aulas da USC é agora un dos posibles obxectivos de futuro para este colectivo preuniversitario. «Acabades de culminar unha magnífica formación que agora vos conecta directamente coa Universidade», explicou o reitor. «Cada vez é máis frecuente ver estudantado universitario que decide enriquecer a súa formación cun ciclo e, ao revés, estudantado que opta primeiro pola FP e que ao rematar decide cursar un grao», engadiu Antonio López Díaz, que se referiou a estas vías coma un camiño de intercambio e riqueza.
No acto, ademais do reitor, participaron Dulce María García Mella, secretaria xeral da USC; María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización; Francisco José Fraga López, vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo; María Teresa Flores Arias, delegada do reitor para o Ensino Medio.
Tamén estiveron Elvira López Mosquera, delegada do reitor para o Campus Terra; Miguel Fernández Méndez, alcalde do Concello de Lugo; e José Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo. O acto contou tamén coas intervencións de Antonio Poceiro Couto, estudante do IES Frei Martín Sarmiento, en representación do estudantado; e de Carolina Varela Caamiña, directora do IES Lamas de Abade, en representación dos docentes.