Teño 2.905 amigos virtuais, e nalgúns casos coinciden con persoas que coñezo e coas que me sinto identificado, pero na maioría son amizades novas, que a tecnoloxía facilita, e que se lles chama amigos aínda que ben seguro non cheguemos a vernos en directo na maioría dos casos.
Como Internet é un mundo paralelo sen distancias nin tempo, as peticións de amizade prodúcense en calquera momento e desde os lugares máis afastados, obrigando a discriminar prudencialmente, quedando sen cristalizar peticións non abondo identificadas, ou manifestamente distantes nas intencións, aceptando só as que teñen visos de normalidade, xa non digamos de utilidade amical. Pero ás peticións de persoas amistosas únese o automatismo do sistema, de xeito que che poden pedir ou suxerir amizade persoas non existentes ou camufladas, que a saber de onde veñen ou que pretenden. Unha das últimas que recibo, acompañada da foto de Díaz Pardo, ven de Isaac Sargadelos, o que é imposible de por si, e se o primeiro que pensei é que era un intento de enganar, ben pode ser homenaxe á memoria de Isaac.
E hai un par de semanas recibo a suxerencia de amizade da Alcaldía de Lugo, o que me coloca na dobre disxuntiva de aceptar ser amigo da institución ou da persoa, ou de considerar foi un erro do sistema ou de quen manexe os fíos das relacións municipais na procura de novas canles de comunicación para a política actual.
Se aos amigos físicos só os vexo de cando en cando, aos virtuais préstolles non moita atención, contentándome con compartir con eles pensamentos coma estes. Claro que para iso están os amigos: para sintonizar e soportar.