
A corporación provincial aprobou por unanimidade dúas declaracións institucionais en apoio ás vítimas da explotación sexual e en defensa da convivencia e o respecto mutuo
22 jul 2025 . Actualizado a las 13:27 h.A Xunta de Voceiros da Deputación de Lugo aprobou este martes, por unanimidade, dúas declaracións institucionais que serán ratificadas no vindeiro Pleno. Unha delas conmemora o Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos (23 de setembro), mentres que a outra está centrada na defensa da convivencia, a seguridade e o respecto a todas as persoas.
A través destes documentos, a Deputación —coa adhesión dos tres grupos con representación (PSdeG, BNG e PPdeG)— manifesta «o seu firme compromiso coa igualdade, os dereitos humanos e a loita contra calquera forma de violencia, discriminación ou discurso de odio». A institución provincial aposta por políticas públicas que protexan ás vítimas, fomenten a educación en valores e fortalezan a cohesión social.
A Deputación comprométese a impulsar medidas de prevención, sensibilización e atención ás vítimas, así como a esixir marcos normativos que impidan que negocios ou plataformas dixitais faciliten ou se beneficien da explotación sexual.
Pola súa banda, a declaración institucional sobre a convivencia condena calquera forma de racismo, violencia ou discurso de odio, e fai un chamamento á responsabilidade colectiva, especialmente das administracións locais, para crear espazos seguros, diversos e inclusivos.
Tamén se recoñece o labor das Forzas e Corpos de Seguridade e reclámase unha dotación adecuada de medios para garantir a seguridade e a convivencia nos concellos da provincia.
Finalmente, a Deputación destaca a «importancia da unidade institucional e social» para construír unha provincia «máis xusta, libre e segura para todas e todos».