Lugo, cidade universitaria

LUGO

26 jul 2025 . Actualizado a las 23:01 h.

Este tempo de lecer e de parón —moi especialmente para os estudantes— é, paradoxalmente, o intre no que se vai xestando a conformación do novo curso. Sucédense os días de xullo e os milleiros de rapaces e rapazas que este ano fixeron a selectividade viven atentos á evolución das súas solicitudes. O estudo do acontecido cos primeiros chamamentos de matrícula fala do bo momento do campus de Lugo, tanto para as titulacións consolidadas (Veterinaria, Profesorado ou Enfermaría) coma para as emerxentes (Robótica ou Bioquímica).

Nos últimos anos, o acceso á vivenda estase a converter nun factor clave. Non existindo prazas de residencia que cubran a demanda, a oferta de pisos en alugueiro acaba sendo determinante na escolla e na propia viabilidade. Vimos, na prensa, as ringleiras de estudantes ás portas dunha inmobiliaria de Santiago para tentaren conseguir o ansiado piso no que continuaren os seus estudos. Tamén os centos de novos estudantes que ingresen nas facultades lucenses terán que procurar solución e é imprescindible que a cidade lles ofreza posibilidades para soster e dar pulo a un dos seus principais factores de dinamismo.

Porque, fronte a isto, sabemos que está a medrar o número de fogares nos que na provincia viven só persoas de máis de 65 anos, acadando os 58.000. A presenza do estudantado é, daquela, unha inxección de vitalidade e futuro. Tampouco é difícil imaxinar que habería unha posibilidade de combinar ambos factores: anciáns que viven sós e que poderían alugar un ou máis cuartos a estudantes. Sería unha forma de simbiose, de enriquecemento mutuo, de alianza interxeracional. Cómpre, iso si, que as administracións e os axentes sociais analicen esta vía con intelixencia. Lugo non pode deixar pasar a oportunidade de acoller ben aos que veñen estudar… e tampouco a de construír o futuro da cidade.