Viveiro: memoria e frescura

LUGO

05 ago 2025 . Actualizado a las 17:50 h.

Dende nena pasei as vacacións de verán en Viveiro. Únenme a este lugar vínculos familiares e afectivos: o meu avó paterno era de Chavín, traballou de neno, coma os seus irmáns, na fábrica de Barros, e o meu pai viviu alí anos de mocidade. Aqueles marabillosos veráns de infancia, rodeada de curmáns, bañándonos na praia, comendo xeados, paseando pola noite ou xogando no parque de Covas, están para min intimamente ligados a Viveiro.

Daquela, falar de Viveiro era falar de mal tempo. Lembro un verán no que dos trinta días que pasamos alí, orballou quince. A néboa parecía quedar a vivir entre os outeiros que arrodean a ría e o val do Landro. Aquel foi o último verán de reunión familiar completa: unha parte da familia, despois de tanto pasatempo e pouca praia, decidiu buscar destinos máis soleados nas Rías Baixas. Ficamos os teimudos, os que non nos deixabamos desanimar pola chuvia porque había algo máis íntimo e profundo que nos unía a ese lugar.

Agora que todo mudou, tamén o tempo parece cambiar. Mentres esta semana a vaga de calor levaba Pantón aos 41 graos, Viveiro mantiña uns agradables 21. O vento mareiro da nosa costa cantábrica configúrase coma un auténtico refuxio climático. Cómpre desconfiar das impresións subxectivas, pero as percepcións colectivas e os datos avalan o que se vai tornando evidencia. En Galicia sempre pensamos en protexernos do frío; agora comezamos a procurar aire acondicionado, fontes ou ríos e os abanos pasaron a converterse en obxectos cotiáns que xa empregan homes e mulleres. A nova realidade climática obríganos a mudar costumes: en Lugo haberá que acondicionar zonas de baño fluvial e coidar as zonas verdes. Alá polo sur poñen aspersores nas rúas. Aquí, polo momento, confiamos na brisa do norte.