
O 16 de agosto Navia de Suarna acollerá este festival cultural que busca descentralizar a oferta cultural galega e poñer en valor o talento emerxente e as iniciativas locais
14 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.En Navia de Suarna, no corazón dos Ancares, está a agromar un proxecto que quere poñer a vila no centro do mapa cultural galego. SoaSuarna nace coa forza das cousas feitas con cariño e coa convicción de que tamén lonxe das cidades se pode crear, compartir e celebrar cultura de calidade. É un festival con programación expandida, mais tamén unha declaración de intencións: a de que a música, a tradición e as novas ideas poden atopar no rural o escenario perfecto.
A súa orixe é tan sinxela coma curiosa. Ximena Torrón, de Navia, levaba tempo coa idea na cabeza. «Eu tiña a idea de facer algo aquí desde hai moito e Lucía era a persoa idónea con quen facelo, porque ela tamén é música», conta. Lucía Castro, de Lugo, lembra que todo encaixou grazas a unha materia sobre promoción de eventos e a un profesor que, segundo di, «se volcou desde o primeiro momento con nós e co proxecto, sen el quizais non teriamos medido a viabilidade como TFG, porque facer isto non é o habitual». Así, o que comezou como un traballo de fin de grao en Comunicación Audiovisual converteuse nun soño compartido que non cabía nun documento académico. «O TFG foi a excusa para montar o festival, a nosa prioridade sempre foi facelo realidade», admite Ximena.
Apoio e financiación
O proxecto foi collendo forma co apoio da Asociación da Xuventude do Navia, da Xunta de Galicia e, sobre todo, dos veciños e veciñas, aínda que ao principio custou que comprendesen a dimensión da proposta. «Ao comezo non entendían moi ben que queriamos facer, pero apoiáronnos moito e agora párannos pola rúa para preguntar como vai todo», explica Ximena.
O financiamento chegou por varias vías: un crowdfunding, actividades previas e mesmo a venda dunha colección de xoias artesanais feita pola súa tía, de Navia. O cartel, obra do artista lucense Miguel Anxo Macía, pai de Lucía, sumou identidade ao proxecto.
SoaSuarna non quere ser só un día de festa, senón unha faísca que manteña acesa a cultura no rural durante todo o ano. Por iso, moito antes do gran día xa houbo encontros e obradoiros: cestos de pelica con Luis do Río na escola de Barcia, un concerto íntimo de Migui Bouzó no Bar Suarna, bordado tradicional da man de Xenuina. «Queríamos levar música e artistas emerxentes a Navia, porque moitas veces non teñen presenza noutros festivais e o público de aquí tampouco ten tantas ocasións de velos», di Lucía, mentres Ximena engade que buscaron «xente de Lugo, que trouxese propostas interesantes que nós mesmas víamos noutros lugares e queriamos achegar aquí».

Programación variada
O momento culminante chegará o sábado 16 de agosto de 2025, cando Navia se converterá nun pequeno epicentro cultural. Sobre o escenario estarán Ulex, banda compostelá de rock e cumbia formada por músicos menores de vinte anos que cantan ao amor e ao desamor inspirándose en grupos galegos como Grande Amore ou Familia Caamagno; Abril, dúo que revisa melodías galegas e ibéricas con pandeiretas, pandeiros e violín folk, cunha frescura íntima e persoal; Migui Bouzó, que combina cancións emotivas con outras cheas de enerxía e que xa se gañou o cariño do público nas actividades previas; o dúo de hip-hop Diego Flâneur & Ünder e o grupo de rock Jade4. A noite pecharase cos DJ sets de Futuro Alcalde e DJ Deiros, prolongando a festa ata que o corpo aguante.
Mais o festival non contará só con música, xa que haberá un xantar popular en colaboración coa comisión de festas, unha sesión vermú, unha zona de acampada para quen queira quedar e un obradoiro de iniciación á danza tradicional impartido pola Asociación Deiquí.
«Non queriamos pecharnos a un único estilo, buscabamos que se dirixise a públicos con gustos distintos, sempre apostando polo talento galego», di Lucía. A visión encaixa coa súa aposta por «un modelo alternativo aos macrofestivais, que moitas veces están máis pendentes do beneficio económico ca de manter unha relación co territorio» e lembran que hai outros exemplos inspiradores no rural como Rumboia Viva, a Foliada de Fonsagrada, Entre Pontes de Rábade ou Agro Queer.
Futuro do festival
De cara ao futuro, as dúas coinciden en que lles gustaría manter o festival, aínda que dependerá da súa situación persoal e laboral, pois acaban de rematar a carreira. «Agora xa sabemos mellor como funciona e todo o traballo que hai detrás, así que, se o repetimos, será con máis experiencia», apunta Lucía. Para Ximena, independentemente do que pase, o balance é claro: «Aprendimos moito e para min é especial porque mestura o amor pola miña aldea coa paixón pola música de Lucía».