Postura do BNG de Vilalba sobre o escudo do Concello

BNG DE VILALBA

LUGO

13 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

BNG de Vilalba presentou na sesión plenaria de 28/11/2024 unha moción na procura de acordo para botar a andar os trámites precisos para mudar imaxe corporativa oficial, coa finalidade de adaptala á legalidade vixente.

Na exposición de motivos deixábase claro que, nun Estado aconfesional, as institucións oficiais veñen obrigadas a seren neutrais en materia relixiosa, non podendo exercer apoio nin oposición explícita ou implícita a organización ou confesión relixiosa algunha.

O escudo de Vilalba foi aprobado nos anos oitenta
O escudo de Vilalba foi aprobado nos anos oitenta

O comezo dunha oración cristiá coas palabras do arcanxo san Gabriel formando parte do escudo non parece que case moito co laicismo. O Concello de Vilalba ten realizado algúns cambios, mais continúan presentes as referencias relixiosas. Esta forma de proceder contravén a eliminación de símbolos oficiais retrógrados vencellados a unha confesión relixiosa.

Entendemos que haxa persoas que non asisten, física ou telematicamente, aos plenos, certamente non teñen esa obriga. Mais, con asistencia ou sen ela, cómpre ser fieis e rigorosos co que sucede nos mesmos e, sobre todo, saber do que se fala e ter un mínimo respecto democrático.

Un xornal do país de noso recolle con data 11//08/2025 un artigo do señor Xosé A. Pombo, no que, a respecto da moción de referencia e con prepotente infalibilidade suprema di: «Reescribir a historia a gusto de ideoloxías e imaxinar como real o que nunca foi supón desprezar investigacións rigorosas e manipular o pasado para enganar o presente».

A RAG define o termo «historiador/a» como aquela persoa que escribe obras de historia, que investiga sobre esta ou é especialista en estudos históricos. Baixo esta óptica supoñemos ao autor do artigo coñecedor tamén de estudos heráldicos sobre a nosa vila que veñen poñer de manifesto que non sería o actual o único escudo a ter en conta, escudo, por certo, símbolo da opresión feudal sobre o campesiñado, aberración que imaxinamos non defenderá o señor Pombo.

Por outra banda fala o autor de certas eivas que sofre o noso concello, mais obvia, cabe supor que voluntariamente se está ben informado, que toda esta problemática foi levada a pleno polo BNG no actual mandato a través de máis de 30 mocións e máis de 80 preguntas.

O que non se sabe moi ben é como interpretar o de «... a cultura deriva a coros e danzas...»; guinda acaso un desprezo ás agrupacións folclóricas ou traizóao o subconsciente co grupo homónimo da Sección Feminina? En calquera caso a iniciativa do BNG non vén máis ca poñer sobre a mesa municipal a esixencia do cumprimento legal nun estado aconfesional.

De falarmos de manipulacións, quedan claras as politicamente interesadas do señor Pombo.