A tradicional Festa da Malla volve a Meira: «É unha celebración máxica na que todos poden participar»
LUGO

A XXXIII edición celebrarase o sábado 23 e o domingo 24 e contará con varias novidades no seu programa
21 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Meira prepárase esta fin de semana para revivir unha das súas citas máis emblemáticas: a Festa da Malla, que alcanza xa a súa trixésimo terceira edición. O evento, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia en 2006, chega este ano con dúas novidades destacadas: a ampliación do programa a dous días e a gravación dun documental que deixará constancia de todo o proceso.
O presidente da asociación Amigos da Malla, Manuel Pardo, explica que os voluntarios xa realizaron os traballos previos de sega. «Sembrouse unha fanega e media e saíron uns 700 ou 800 mollos», sinala. Estes serán os protagonistas da recreación do domingo, cando a Praza Maior se converterá nun auténtico escenario agrícola para mostrar como se mallaba o trigo a man e con diferentes máquinas antigas.
Un programa renovado
O sábado 23 abrirase cunha proxección audiovisual: «Os segadores da Órrea en terras de Castela», documental no que tamén participaron os meiregos. Pola tarde comezarán a asentarse as máquinas de distintas épocas —incluída unha que data de arredor do ano 1900—, haberá animación musical e, como novidade, ás 21.00 horas terá lugar o primeiro pregón da festa, a cargo de Mario Outeiro, director do IES Pedregal de Irimia.
O domingo será o día grande, con recreacións históricas da malla, exposicións, xogos infantís e actuacións musicais ao longo da xornada. A banda de acordeóns e a de gaitas de Meira, Aturuxas e Sorteiros, Faíscas da Pontagra, D’Caché e Os Carunchos ofrecerán un concerto ás 21.00 horas.
A gastronomía tamén terá un papel destacado cun cocido popular (27 euros) que inclúe empanada, lacón, morro, orella, chourizo, garavanzos, patacas, repolo, viño, café e mesmo o prato de barro no que se serve. Ademais, o público poderá degustar boliños con viño, recuperando así unha das tradicións das antigas paradas de malla.
Unha festa feita pola comunidade
Manuel Pardo lembra que levan 20 anos ao fronte da organización, sempre coa colaboración do Concello e dos voluntarios. «O máis complicado é organizar a toda a xente que participa. Desde a sega, colocar as máquinas… Non é unha festa de campo habitual, esta dá máis traballo», recoñece.
A implicación da veciñanza é fundamental, tanto na preparación coma no propio desenvolvemento da festa. «O pan cocémolo o sábado porque o domingo sería imposible. Temos colaboradores para a cociña, para servir… fáltanos sempre xente que nos axude», apunta Pardo, quen destaca tamén a resposta do público: «Cada ano temos máis visitantes, xente de toda Galicia e turistas con curiosidade. O ano pasado veu un señor de 95 anos que quería meter uns mollos».
Transmitir a tradición ás novas xeracións
Un dos obxectivos principais da Festa da Malla é achegar esta tradición á xente nova. «Se non fora por isto, xa se perdería todo. Os nenos de agora pensan que o leite sae do supermercado e o pan da panadaría. Antes non era así, eu mesmo axudei a mallar na casa», reflexiona o presidente.
Desde hai uns anos, os máis pequenos teñen un papel protagonista: participan nas demostracións, xogan e aprenden. «Son moi curiosos, gústalles. Seguro que a algún se lle queda algo do que vexa. O meu fillo de 11 anos encántalle; de feito foi el quen deseñou as camisetas deste ano», conta orgulloso Pardo.
«Unha festa máxica e aberta a todos»
A Festa da Malla é, segundo o seu presidente, «unha cita máxica» que combina historia, música, gastronomía e comunidade. «É unha festa moi completa: podes vir e pasar todo o día sen aburrirte. Hai música todo o día, demostracións, cocido, artesanía, queimada e festa ata a unha e media da mañá», resume. E, sobre todo, destaca o seu carácter inclusivo: «É unha malla aberta para todo o mundo. O que queira pode participar».
Con máis de tres décadas de traxectoria, Meira consolida así unha celebración única, que rende homenaxe á vida no campo e mantén viva a memoria dunha práctica que marcou xeracións enteiras.