O pintor vilalbés Pedro Cabarcos inaugura unha exposición na súa terra natal: «É unha homenaxe a meus pais por todos os esforzos que investiron na miña formación»

LUCÍA CAMPOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Pedro Cabarcos é natural de Vilalba, mais actualmente reside en Viveiro, lugar que o inspira nas súas creacións artísticas
Pedro Cabarcos é natural de Vilalba, mais actualmente reside en Viveiro, lugar que o inspira nas súas creacións artísticas XAIME RAMALLAL

A inauguración terá lugar o xoves 28 de agosto, ás 20.00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba

27 ago 2025 . Actualizado a las 20:21 h.

Pedro Cabarcos Quintela (Vilalba, 1955) reside en Viveiro, localidade á que el mesmo define como a súa «segunda casa». Alí, entre o mar e a memoria, atopa parte da súa inspiración vital e artística.

Cabarcos exerceu como profesor de Debuxo en distintos institutos, entre eles o IES Monte Castelo de Burela, e foi un dos principais impulsores da asociación mariñá Tá en Artes.

Non conseguiu o ingreso na carreira de Belas Artes, mais acabou licenciándose en Historia da Arte pola Universidade Complutense de Madrid. «Nunca deixei de estar en contacto coa arte nin co debuxo», lembra. A docencia deulle unha perspectiva máis pedagóxica, pero a pintura acompañouno sempre.

O seu traballo obtivo recoñecementos internacionais: en 2020, a súa obra «Ana» foi seleccionada para a fase final do BP Portrait Award na National Portrait Gallery de Londres; en 2024, gañou o Premio da Fundazione Amedeo Modigliani de Roma co cadro «Esperanza». «Como nunca expuxera, non sabía cal era a crítica real. Aquilo impulsoume moito a seguir creando. Gustoume que non tivesen en conta a idade, senón a capacidade, que é o que moitas veces falta neste sector», explica orgulloso.

A exposición «Retrospectiva»

Agora, por primeira vez, presenta unha exposición completa na súa terra natal como parte da programación do IESCHA para as Festas de Vilalba. «É un compromiso de fillo. Meus pais estarían orgullosos de ter entregado os seus cartos á miña formación. Esta mostra é tamén unha homenaxe a eles, un agradecemento por todo o esforzo que fixeron para que eu puidese estudar en Madrid nun tempo complicado», apunta o artista vilalbés.

O criterio de selección foi dobre: recuperar obras próximas e reunir pezas dispersas por distintos lugares —moitas en Bruxelas—, e ao tempo mostrar a diversidade técnica que caracteriza a súa traxectoria. Así, a exposición reúne retratos e paisaxes realizados en pastel, óleo, acrílico ou debuxo, sobre soportes tan distintos como lenzo, papel ou mesmo lousa.

A maioría son retratos, de primeiro plano ou de medio corpo, pero tamén hai composicións máis complexas e algúns paisaxes pintados ao natural, sobre todo da Mariña e de Viveiro: «A praia de Covas é para min un símbolo vivencial: de pequeno ía alí coa miña avoa, meus pais construíron unha casa e, sen sabelo, eu acabei vivindo nela. É unha icona da miña infancia».

Entre as pezas expostas, só catro non pertencen a ninguén: tres paisaxes e un retrato feito a pastel, unha das súas primeiras probas, que para el marca o inicio dun camiño. A maior parte dos retratos son de familiares, pero tamén hai rostros que lle chamaron a atención na vida cotiá: «Hai un rapaz que sempre me pon gasolina en Viveiro e gustaríame retratalo. A todas as persoas que fan ben o seu traballo gustaríame darlles esa honra».

As pezas que se presentan mostran a diversidade técnica que caracteriza a traxectoria do artista vilalbés
As pezas que se presentan mostran a diversidade técnica que caracteriza a traxectoria do artista vilalbés

Evolución e identidade

Cabarcos concibe a súa obra como unha evolución continua. «A arte contemporánea é ecléctica: podes facer algo máis realista e ao mesmo tempo algo máis abstracto. Non se che encaixa por un estilo, aínda que moita xente se ve obrigada a facelo porque vivir da arte é case imposible», apunta. 

No seu caso, o retrato é a súa grande paixón e tamén a súa bandeira: «Teño un concepto colectivo e creo na xente. Eu aprendín da xente e, individualizalos a través do retrato, é darlles a honra que merecen. Cada persoa, sexa da condición que sexa, é importante. Entrar na súa psicoloxía e tentar captar o que non é evidente é sempre un reto».

Considera o retrato como unha forma de memoria que permanece máis alá da vida: «Moita xente segue viva porque o retrato existe».

O proceso creativo

O pintor confesa que lle encantaría traballar sempre co modelo en directo, mais recoñece que non é doado: «No mundo en que vivimos, pedir que alguén perda horas posando xa non é viable. A presenza dunha persoa dáche moitísima información, e todos os retratos que fixen serían diferentes se foran pintados así».

A fotografía, porén, converteuse nunha aliada fundamental: «Cando vexo unha foto que me interesa pido que ma envíen. Grazas ás tecnoloxías podo traballar con boa base, sen limitarme aos clásicos apuntes».

En canto ao tempo, non se mide só polo que pasa diante do lenzo: «Toda a pintura ten que descansar. Déixala no cabalete e sempre está aberta a ser retocada. Debuxar é rápido, pero decidir onde paras é o máis difícil». E tamén reflexiona sobre o espectador: «Se non te paras diante dun cadro polo menos cinco minutos non podes dicir se che gusta. E iso non o facemos: ninguén quere perder ese tempo de desconexión para falar consigo mesmo».

Cabarcos retrata o seu ámbito familiar, pero tamén a persoas alleas porque atopa nelas fonte de inspiración
Cabarcos retrata o seu ámbito familiar, pero tamén a persoas alleas porque atopa nelas fonte de inspiración

Vivir da arte

O artista mantén unha visión crítica e realista sobre o mundo cultural: «Ningún pintor aspira a facerse rico. Para nós chega con ter para comer, un lugar onde traballar, cartos para materiais e poder viaxar para buscar referencias».

No seu caso, recoñece a tranquilidade que lle dá contar cunha pensión tras a docencia. Non obstante, advirte das dificultades: «Non hai mecanismos nin medios para que a xente poida acceder ao mercado da arte. A cultura de compra depende do grao de formación e sensibilidade da sociedade. O mundo da cultura é moi complexo e as oportunidades non son iguais nas periferias».