














O festival celebrou a súa oitava edición cunha fin de semana de música, xogos e convivencia. A carballeira á beira do río Parga acolleu un ambiente familiar e festivo, onde bandas emerxentes compartiron escenario con grupos consolidados
07 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A carballeira á beira do río Parga converteuse no epicentro do rock galego coa celebración da oitava edición do Parga Rock, un festival que xa consolidou a súa identidade como un dos poucos encontros de rock puro en Galicia e que, ademais, mantén a súa aposta pola entrada libre e a convivencia interxeracional.
A xornada comezou ao mediodía cunha animada vermú rockeira de Vimbio (Ponteareas), que serviu para abrir a festa nun ambiente familiar e próximo. Á tarde, o público dividíase entre o xa clásico Aberto de Billarda, organizado pola asociación O Varal, e o espectáculo infantil Pituquito Literal de Trécola Producións, actividades que volveron demostrar que o festival non é só música, senón tamén espazo de encontro comunitario.
A programación musical da noite fixo vibrar a carballeira desde o primeiro acorde. O grupo Meu (Deza) inaugurou a tarde de concertos cun rock directo e cheo de enerxía, seguido polo explosivo concerto de Pölvora (Valencia). A intensidade subiu varios chanzos coa chegada de Porco Bravo (Barakaldo), unha das bandas máis esperadas, que fixo da súa actuación unha descarga de forza e compromiso coa esencia do xénero. Non menos contundentes estiveron os madrileños No Konforme, que lograron un público entregado co seu punk combativo.
O relevo chegou da man de Perpetual (A Coruña), que puxeron o punto máis metal á noite, antes de que DJ Jordi Pánico (A Coruña) pechase a edición cun set festivo que mantivo a carballeira en pé ata altas horas.
A oitava edición do Parga Rock volveu confirmar a súa fórmula: bandas emerxentes compartindo escenario con grupos consolidados, unha programación que vai máis alá dos concertos e unha organización sostida polo esforzo veciñal e pola implicación da comunidade. Cunha carballeira chea pero sen masificacións, o festival reivindicou unha vez máis a autenticidade, a proximidade e o compromiso coa cultura rock no rural galego.