Esta semana soubemos que o vindeiro 21 de marzo de 2026 Lugo acollerá por primeira vez a entrega dos Premios Mestre Mateo, a principal gala do audiovisual en Galicia. O espazo escollido é o auditorio Fuxan os Ventos. Pór a Lugo no panorama cultural, conseguir que aquí se leven a cabo proxectos culturais, actividades, congresos e, en suma, fomentar a actividade cultural da cidade é sen dúbida un obxectivo clave para a cidade, tanto en termos culturais coma económicos.
Non parece allea a esta designación de Lugo como sede dos Mestre Mateo a dispoñibilidade do novo auditorio, que demostrou a súa capacidade e potencial nos tres concertos que Fuxan os ventos deu no espazo que, por escolla popular, leva o seu nome. 2700 persoas puideron asistir a este fito singular e agora 900 poderán seguir en directo os Mestre Mateo nese día de comezo da primavera, día da poesía e dos bosques. Probablemente tamén contribuíu á elección o asentamento da semana de cinema de Lugo (que este setembro celebrou a 47ª edición) ou, por que non, a designación de Sirat como candidata aos Óscar, pois dalgún xeito que o seu director escollese unha aldea lucense, Vilela (Taboada), como lugar no que posicionarse no mundo, el que sería tan ben acollido e aclamado en París, serve como elemento descentralizador que cuestiona as xerarquías de valoración e pon en valor o rural e esta contorna nosa, tan maltratada ás veces, tan pouco apreciada en ocasións, e —como diría Rosalía— tan fermosa e digna de louvanza.
A chegada dos Mestre Mateo a Lugo supón un fito histórico para a cidade e unha oportunidade para consolidar a súa presenza no mapa cultural galego. Será unha cita única que, sen dúbida, reforzará a imaxe de Lugo como lugar capaz de acoller os grandes eventos do país.