«Gardiáns», unha exposición que trae ao Vello Cárcere de Lugo unha viaxe polo rural galego e as súas razas autóctonas

LUCÍA CAMPOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Jorge Arévalo na exposición que presenta no Vello Cárcere de Lugo
Jorge Arévalo na exposición que presenta no Vello Cárcere de Lugo LAURA LEIRAS

Jorge Arévalo presenta o venres 26 de setembro a exposición que realiza xunto a Boaga, unha mostra de 71 fotografías e tres vídeos que reflexiona sobre a relación entre a xente e os animais, a memoria do rural e a tradición popular

26 sep 2025 . Actualizado a las 09:34 h.

O fotógrafo lucense Jorge Arévalo (1994), graduado en Administración de Empresas e Dereito e dedicado profesionalmente ao comercio exterior, presenta a súa faceta máis persoal e creativa coa exposición «Gardiáns», que se inaugura o venres 26 de setembro de 2025 ás 18.00 horas no Patio do Vello Cárcere de Lugo e poderá visitarse ata o 12 de outubro.

A pesar de manter a súa carreira no ámbito empresarial, Arévalo é artista independente e vive a cabalo entre O Courel e Quiroga, un territorio que define boa parte do seu traballo fotográfico. A mostra, apoiada pola Área Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, está organizada coa colaboración da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) e converte en protagonistas ás razas autóctonas en perigo de extinción —Frieiresa, Limiá, Cachena, Vianesa, Caldelá, Ovella Galega, Cabra Galega e Galiña de Mós— para ofrecer unha mirada que vai moito máis alá do catálogo de animais: «Quería buscar ata que punto están presentes os animais na cultura labrega», explica o autor.

Un diálogo entre poesía, música e imaxe

A inauguración contará coa presenza da poeta Olga Novo, que creou versos inspirados nas fotografías e nas conversas co fotógrafo e que os recitará durante o acto. A Fundación Legar sumará unha interpretación musical con instrumentos ligados ao mundo animal, creando un encontro interdisciplinar que mestura palabra, son e imaxe.

«Non é un catálogo dos animais. Hai que buscar outras maneiras de falar do mesmo», subliña Arévalo, que ve a exposición como unha reflexión máis ampla sobre o concepto de autóctono e sobre a relación profunda entre a xente e os animais. En total, 71 pezas fotográficas e tres vídeos capturan escenas tomadas nas provincias de Lugo e Ourense, moitas delas protagonizadas por familiares, amigos, veciños e gandeiros: «É xente que ten nome e apelidos e deben estar alí. É unha forma de darlle nome a quen está detrás da cámara, facendo que e para que».

A mostra tamén aborda as relacións entre vida e morte e incorpora o animalario do entroido galego, onde bois, vacas e pelexos se entrelazan coa tradición popular. «O entroido retrateino no Courel, porque vivo aquí e teño acceso á veciñanza, o que permite traballar mellor. Eu non fun aos entroidos máis coñecidos; gústanme máis as cousas de "andar pola casa"», comenta.

Un proceso vital e artístico

O proxecto naceu da relación persoal de Arévalo cun gandeiro de cachenas, a quen axudou nas tarefas diarias, e da súa colaboración posterior con Boaga. Parte do traballo é herdeiro de «O das Penarrubias», serie que presentou no Museo Juan Barjola de Xixón grazas á Beca Novos Talentos 2024: «O que fixen este ano foi ampliar o proxecto e darlle unha volta, pero penso que é unha continuación».

A súa traxectoria fotográfica nace dunha vocación temperá polo mundo animal, que o levou durante quince anos a percorrer a provincia de León na procura de mastíns. «Foi o que me axudou a hoxe en día saber como tratar cos gandeiros», confesa. A morte da súa nai marcou un punto de inflexión: «Cando faleceu miña nai foi cando cambiou a miña maneira de ver as cousas e comecei a interesarme pola fotografía como unha disciplina complexa».

Tempo, contorna e mirada

Arévalo non se leva ben coa inmediatez: precisa tempo para madurar e «rumiar» as ideas. A súa forma de traballar está profundamente ligada ao territorio que habita: «Cambia moito a percepción dos territorios cando vives neles que cando simplemente vas para facer unha fotografía». Por iso, as imaxes son froito da vida cotiá en O Courel e Quiroga, e non dunha mirada foránea.

En palabras do propio autor, «gústame a fotografía cando cheira a pintura, a escultura, a literatura…». Fuxindo das estruturas fixas do documental clásico, propón unha obra aberta que pon en primeiro plano a complexidade do rural galego: a beleza, o traballo, a dureza e a fonda conexión entre humanos e animais.