Olga Iglesias, alcaldesa de Triacastela e expresidenta da Mancomunidade: «O máis importante é adaptarse a cada momento do Camiño»
LUGO
Iglesias deixou o cargo tras máis de dous anos e foi sucedida por Begoña Balado, concelleira de Turismo en Arzúa. A lucense valora moi positivamente a súa traxectoria e di estar satisfeita coas accións levadas a cabo
01 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Olga Iglesias, alcaldesa de Triacastela, despídese do cargo de presidenta da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés. Faino con certa nostalxia, pero tamén con satisfacción, tras máis de dous anos nos que se sacaron adiante diferentes proxectos. Iglesias, que deixa o posto porque se renova cada dous anos, fai un balance positivo e está segura de que a entidade seguirá medrando da man do turismo nesta variante do Camiño. A súa sucesora será Begoña Balado, concelleira de Turismo no Concello de Arzúa, que ata agora ocupaba o posto da vicepresidencia.
—Olga, con que sensación marcha despois destes dous anos tan intensos?
—Cunha sensación moi satisfactoria por ter contribuído e traballado dende a presidencia da Mancomunidade polo Camiño Francés e, en definitiva, polos veciños de Triacastela. E tamén por ter traballado man a man con todos e cada un dos alcaldes e concelleiros do Camiño para mellorar unha experiencia única no mundo.
—En que etapa diría que se atopa agora a Mancomunidade?
—Considero que está nun bo momento. A nivel institucional está moi recoñecida. Realmente, sempre o estivo. Penso, e aínda o dixen o outro día, que os alcaldes que nos precederon souberon buscar o seu sitio e nós, os que continuamos, e os que veñan despois, temos que saber buscalo tamén a medida que cambian os tempos. Para iso funcionamos coma un órgano colexiado no que sempre se intentan tomar as decisións por consenso, aínda que teña un presidente e un vicepresidente.
—Considera que, como presidenta, lle quedou algo por facer? Algún logro por acadar?
—Bueno (ri). Gustaríame que os peregrinos de medio e longo recorrido aumenten. Era un dos meus obxectivos como presidenta da Mancomunidade e niso seguiremos traballando nesta nova etapa.
—De todo o que se fixo nestes dous anos, que é o que máis destaca?
—Foron dous anos de moito traballo, moitas iniciativas, moitos proxectos, e creo que todo é importante. Pasamos de facer moitas actuacións nos nosos concellos, a facer unha promoción global fóra das nosas fronteiras. Ese cambio na filosofía da Mancomunidade, que era moi necesario, creo que é un dos logros que máis debemos destacar. O máis importante é saber adaptarse a cada momento do Camiño.
—Traballan moito, e cada vez máis, na dixitalización do Camiño e nas ferramentas dixitais. Supoño que nesa liña que menciona de adaptación.
—Si. Claro. A través do proxecto de dixitalización Camiños de Europa, por exemplo, creamos unha plataforma tecnolóxica que ofrece unha maneira innovadora de contribuír ao desenvolvemento sociocultural e económico das localidades galegas que forman parte do proxecto. A iniciativa ten como obxectivo mellorar a experiencia do peregrino mediante ferramentas tecnolóxicas e facilitar o acceso aos recursos e a información ao longo da ruta, ademais de facerlles chegar os produtos locais e artesáns dos municipios polos que pasan. Sen esquecernos da primeira edición da guía dixital dispoñible en seis idiomas, que seguramente se fará nalgún máis.
Destaca documentais, viaxes, iniciativas dixitais e o convenio asinado con Turismo de Galicia
Olga Iglesias, que seguirá traballando arreo polo Camiño, subliña que os esforzos da Mancomunidade nestes dous anos se centraron en que o Camiño Francés siga sendo o destino cultural de referencia, buscando preservar e mellorar a experiencia actual e apostando polo peregrino de medio e longo percorrido.
Dous anos dan para moito, e a entidade aproveitounos ao máximo, sempre enfocada en que a ruta xacobea siga consolidándose como o máis antigo e principal Camiño a Santiago. A Mancomunidade —formada polos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino— seguirá traballando na mesma liña, aseguran, sen esquecer todas as accións levadas a cabo nestes dous anos. Moitas delas perfilaranse na nova etapa. Por exemplo a guía dixital, dispoñible en seis idiomas —galego, castelán, francés, inglés, italiano e alemán—, aos que se sumarán chinés, xaponés e coreano.
Falando de iniciativas Olga non dubida en mencionar o convenio asinado con Turismo de Galicia para acometer moitas das accións de impulso á ruta. Tamén aproveita a súa saída para destacar a dotación das infraestruturas necesarias para os concellos polos que pasa a ruta e para poñer en valor a colaboración entre os concellos membros da Mancomunidade, que, segundo ela, fai posible a posta en marcha de moitas das accións que durante estes dous anos foron saíndo adiante.
Unha das máis destacadas son as de dixitalización da ruta. Por unha parte o plan Camiños de Europa, cofinanciado pola UE, que inclúe unha plataforma tecnolóxica para que os peregrinos poidan acceder e consultar de xeito sinxelo e rápido os recursos e os servizos dos que dispoñen en cada parada. Por outra, o proxecto Camino 360 inclúe desde realidade virtual ata cámaras para contabilizar o número de peregrinos. Iniciativas coma estas exemplifican a idea de Olga de «adaptarse a todos os tempos».
A expresidenta sinala que tamén se actualizou a imaxe corporativa da Mancomunidade e que se presentou o documental Almas do Camiño, no que participaron nove entidades das cinco comunidades polas que pasa a ruta, tamén no marco do proxecto Camiños de Europa. A través dese mesmo plan, explica, financiouse a participación na Feira dos Camiños de Carrión de los Condes.
Viaxes ao estranxeiro
Entre as accións de promoción exterior, a alcaldesa destaca as viaxes a Pistola, a colocación dunha pedra por cada un dos once concellos na Cruz de Ferro, os actos polo ano xubilar do Camiño Lebaniego ou a recente viaxe a Gran Canaria.
Ademais, garda un especial recordo doutras accións, como a reunión da xunta directiva da Asociación de Municipios do Camiño Francés a nivel nacional para conmemorar os 30 anos da ruta como patrimonio mundial celebrada en Triacastela ou a celebración desta efeméride por parte da Mancomunidade na Casa de Galicia en Madrid. Tamén a presenza da entidade en Fitur ou a presentación do documental a presentación do documental Camino Francés, solo camina.