A Foliada da Fonsagrada cumpre unha década: «A música tradicional está de moda»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Ambiente na Foliada da Fonsagrada do 2024
Ambiente na Foliada da Fonsagrada do 2024 MANUIEL FERNÁNDEZ

A cita cultural, que terá lugar entre os días 5 e 7 de decembro, propón unha programación «inmersiva» repleta de actividades. A ocupación hoteleira na vila xa está ao 100 %

26 nov 2025 . Actualizado a las 13:03 h.

A Foliada da Fonsagrada bota este ano a vista atrás para lembrar as súas orixes, coller impulso e seguir coa ollada posta no futuro. A cita cultural, convertida en todo un festival de referencia no mundo da música tradicional, cumpre unha década e presenta unha programación cargada de actividades. «Temos as xornadas completas, é unha programación inmersiva, onde hai cousas que facer todo o tempo: bailar, escoitar música, tocar unha peza... solo se para para durmir, e pouco», advirte Manuel Fernández «Cataqui», vicepresidente da Asociación Cultural Petapouco e a Destempo, organizadores da Foliada, e tamén un dos compoñentes do grupo De Ninghures.

A cita terá lugar entre os días 5 e 7 de decembro, e propón rutas, obradoiros, proxeccións, coloquios, literatura, feira de artesanía, cantos de taberna e os concertos de Baiuca, Unto Vello, Seimeira, Pärbo, Delameseta, Tona, Os Melidaos, De Ninghures, El Nido e Duendeneta.

Ocupación ao 100 %

A Foliada estará dedicada este ano á súa propia historia, que se reflicte xa no cartel anunciador, obra de Pruden. «Os primeiros anos non tiñamos nin idea de programación cultural, xuntabámonos unhas cen persoas, e todas da comarca, pero fomos aprendendo, mellorando, e hoxe en día xuntamos unhas 4.000 persoas», lembra Cataqui. Tanto é así, que hai xente que xa deixa feita a reserva dun ano para o outro, tendo en conta que a Foliada se celebra sempre na ponte de decembro. «A ocupación hoteleira na Fonsagrada está ao 100 %, pero tamén hai moitas reservas feitas nos concellos dos arredores», comenta Cataqui.

As actividades incluídas na programación da Foliada son todas de balde, agás a butelada de fin de festa, que será o domingo ás 21.00 horas, e para a que será necesario reservar, con un prezo de 32 euros para adultos e 18 no caso dos nenos. Asimesmo, será preciso apuntarse na ruta de sendeirismo do venres, por 15 euros e, de balde, no obradoiro de percusión e no de Branca Villares, ambos tamén do día 5.

O éxito da Foliada débese á calidade da programación, pero tamén ao auxe da música tradicional: «A música tradicional galega goza nestes momentos de moi boa saúde, eu diría que está de moda actualmente. Ademais, hai un montón de propostas que mesturan o tradicional con outro tipo de músicas. A xente nova tamén está cada vez máis metida no mundo tradicional, e son moitos os que aprenden a bailar ou a tocar algo. A maiores, vemos que os festivais de música incorporan o xénero tradicional e apóiano», continúa este organizador.

O programa, ao detalle

A programación completa da Foliada da Fonsagrada é a seguinte:

VENRES 5

· 11.00h. Ruta da Mina das Talladas. Precisa inscrición. Saída desde a Praza da Igrexa, discorrerá polo concello asturiano veciño de Santalla de Oscos. A ruta recibe o seu peculiar nome porque vai pola aldea de As Talladas, próxima ás antigas minas de zinc, prata e chumbo da zona, e recorrerá montes, aldeas, capelas, corripas e minas abandonadas. Ten unha lonxitude de 13,89 quilómetros, unha dificultade media, un desnivel de 546 metros e unha duración aproximada de catro horas e media.

· 18.00h. Obradoiro «O pouso da violencia», por Branca Villares. Precisa inscrición.

· 19.30h. Obradoiro «Recursos de improvisación de percusión para acompañamento», por Andrea e Alejandra Montero. Precisa inscrición.

· 20.00h. Proxección de O rural imaxinado e Sabvia Interior.

· 20.30h. Obradoiro de baile por Cris Canosa.

· 21.30h. Concertos de Unto Vello, El Nido e Delameseta.

SÁBADO 6

· 11.00h. Apertura da Feira de Artesanía.

· 12.00h. Sesión vermú con Pärbo e Tona, o proxecto musical liderado por Miguel Cernadas (Terbutalina), que publicará o martes 2 o seu álbum debut, Cruseiro.

· 17.00h. Presentación do libro Arte Menor.

· 18.00h. Presentación do libro O violín que trae o vento.

· 19.00h. Coloquio e avance do documental 360 curvas.

· 21.00h. Concertos de Os Melidaos, De Ninghures, Baiuca e Duendeneta.

DOMINGO 7

· 12.30h. Pasabares co grupo Seimeira.

· 18.00h. Cantos de Taberna. Os grupos interesados deberán cubrir o formulario antes do venres 28 ás 13.00 horas. Cada grupo participante ten dereito a un máximo de dez consumicións de balde (auga, café, refrescos, cervexa, viño e chopos). Cada grupo admitido deberá aboar 100 a modo de fianza, que serán devoltos o día dos Cantos.

· 21.00h. Butelada fin de festa (cocido da Fonsagrada con cachola, lacón, garavanzos, grelos, cachelos e butelo, brazo de xitano, bebida e café) e menú vegano (ensalada mixta e risotto de choupíns e verduras, froita, bebida e café). Precisa inscrición. Fin de festa.