Miguel Fernández, alcalde de Lugo: «Os usuarios do quinto contedor son xente implicada»

La Voz LUGO

LUGO

Miguel Fernández, alcalde de Lugo
Miguel Fernández, alcalde de Lugo Óscar Cela

Na cidade hai máis de 800 usuarios individuais e 220 colectivos que reciclan a materia orgánica

07 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai máis dun ano, no Concello de Lugo funciona o quinto contedor, pensado para a recollida selectiva da materia orgánica. O alcalde do municipio, Miguel Fernández, analiza a súa implantación.

—O quinto contedor xa celebrou o seu primeiro ano en Lugo. Que balance fan?

—O resultado pódese considerar como satisfactorio á vista dos datos que temos recollido.

—Cantos usuarios individuais e cantos colectivos hai?

—Nestes momentos contamos con case 800 usuarios individuais para os contedores na rúa e 220 colectivos ou grandes produtores.

—Hai algún perfil de usuario particular?

—Non, atopamos usuarios de todo tipo, pero todos coa característica común de ser xente implicada, xa que para ser usuario é necesario darse de alta e solicitar a tarxeta de apertura dos contedores.

—Cantos hai instalados neste momento? Prevense máis?

—Neste momento hai instalados (na zona sur da cidade) 101 contedores de carga lateral de 1.800 litros de capacidade e apertura electrónica mediante tarxeta. Está previsto colocar 200 contedores máis, repartidos no resto da cidade.

—Parte importante do impulso ao quinto contedor chega polas campañas de concienciación? Cales se puxeron en marcha dende o Concello?

—Para a colocación dos primeiros 100 contedores na rúa, fixéronse campañas informativas na zona na que se colocaron, con información en prensa e radio e a pé de rúa. Igualmente, fíxose unha campaña de captación de grandes produtores con visitas formativas e informativas para que se adheriran a este programa, entregando os contedores necesarios para que depositaran neles o lixo orgánico, para logo recollelo co sistema de porta a porta. Hai 220 usuarios.

Tamén se instalaron catro centros de compostaxe colectivos, para o que igualmente se informou á veciñanza, e locais xeradores de biorresiduos sobre como proceder para usar estes catro centros de compostaxe colectivo ubicados en rúa Vilareal, Paseo dos Estudantes, Avenida do Carme con Marqués de Ombreiro e Angelo Colocci. E por último, fixéronse campañas formativas e informativas para as vivendas unitarias ou que tiveran algunha zona verde, ás que se lles entregou de xeito gratuíto un composteiro individual, no que cada un pode obter compost para os usos nas súas horta ou plantas. Hai repartidos 441 composteiros individuais.

—Cal é o procedemento que se segue unha vez que se depositan os restos no quinto contedor?

—No caso dos contedores na rúa, os biorresiduos recollidos van para a planta de compostaxe de Sogama en Cerceda, previo paso pola Ecoplanta de Sogama no Ceao. O compost obtido nos centros de compostaxe colectivo está previsto repartilo entre os veciños e veciñas que o soliciten.

—A aspiración é que o uso do quinto contedor se universalice na cidade e no rural?

—Efectivamente quere implantarse a recollida en contedor en toda a zona urbana, complementada polo compostaxe colectivo e a recollida porta a porta de grandes produtores, mentres que no rural a xestión da fracción orgánica farase mediante composteiros individuais.

«Lugo é unha cidade que recicla, pero hai marxe de mellora»

—Lugo recicla?

—Lugo é unha cidade que se pode dicir que recicla, se ben hai marxe de mellora para o que seguimos traballando.

—Que datos se manexan de cada un dos contedores?

—A expensas de pechar o ano 2025, traballamos con datos de 2024. De fracción resto temos 32.215 toneladas, de bolsa amarela 1.556, de papel e cartón 1.832, de vidro 1.039, de fracción orgánica 26 (empezouse en agosto), de téxtiles 192, de aceite vexetal 30 e de plástico de silos 126.

—Como foi a evolución de Lugo a nivel de selección de residuos? Hai datos que permitan falar dunha cidade que evolucionou a nivel de reciclaxe ao longo dos anos?

—Falando do ano 2022 ao 2024, temos que a bolsa amarela aumentou un 35,3% (de 1.150 a 1.556 toneladas), o papel e cartón un 44,1% (de 1.271 a 1.832), e o vidro mantense nas 1.050. No referente á fracción orgánica estamos nas 458 a 31 de outubro (empezouse en agosto do 2024). Para o téxtil e o aceite vexetal comparamos os anos 2023 e 2024. O téxtil incrementouse un 4% (de 185 a 192) e o aceite vexetal incrementouse un 58% (de 19 a 30).

—Cal é o obxectivo que se marca o Concello a nivel de quinto contedor e a nivel xenérico en canto a reciclaxe?

—Levamos anos traballando para promover e incentivar a reciclaxe entre as veciñas e veciños de Lugo. Avanzamos moito, pero aínda temos camiño por percorrer. Agora, coa implantación do quinto colector, ábrese unha oportunidade importante para incorporar novos residuos ao ciclo de aproveitamento e facer que o que antes era lixo pase a ser un recurso.