Colofón final da Feira do Butelo da Fonsagrada: «O Rei da Montaña» revalidou o seu título nunha cita multitudinaria

A FONSAGRADA






Álvaro Touza Cobelas, primeiro director do instituto, e Antonio López Vidal, primeiro rexedor da democracia no concello, recibiron o Butelo de Ouro
23 feb 2025 . Actualizado a las 16:59 h.Este domingo na Fonsagrada culminou unha nova edición da Feira do Butelo, unha cita na que se puxeron á venda 20.000 quilos dun dos grandes referentes gastronómicos do municipio. Nesta xornada final a Casa Consistorial acolleu a entrega do Butelo de Ouro coa que este ano destacaron o impulso en materia educativa que experimentou o concello tras a apertura do instituto no 1979. O alcalde, Carlos López, entregou a distinción a Álvaro Touza Cobelas, primeiro director do centro, e a Antonio López Vidal, primeiro rexedor da democracia no municipio e parróco.
«Son os bos mestres os que forman bos cidadáns capaces de discernir e elixir aos bos políticos», sinalou o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca durante a entrega do recoñecemento. Esta edición 28 da cita reuniu a uns 70 expositores nos que ademais de produtos cárnicos, tamén se podían atopar outros como queixos, meles ou doces. Pero o que actualmente se coñece como unha das grandes citas na montaña lucense xa apuntaba maneiras co que comezou aló polo ano 98.
«Foi unha feira moi boa, o principio do que hoxe está sendo máis grande e un auténtico bum para todos», recorda José Luis Pérez, xerente de Embutidos Buenavista e un dos impulsores. Para esa primeira cita, eles levaron 200 quilos. Agora di que é moi difícil saber cantos poden chegar a despachar nestas datas. «Véndense na propia feira, o día antes e nos locais. Nós temos unha carnicería aquí e vendemos bastantes, aínda que non tanto como na carpa. Xa o venres pola tarde é un día de vender moito».
Elaboración tradicional
O produtor lembra como o alimento estrela acompañou xeración tras xeración aos veciños. «Cando eu era un rapaz, meus pais tiñan un bar e xa facían cocidos e vendían butelos e viña xente do municipio, de Lugo, da costa ou de Asturias a comprar». Achegábanse para facerse cos chourizos, butelos e carne que se elaboraban nas casas, aínda que non en grandes cantidades e reservando sempre unha pequeniña parte para o Entroido. «Na miña parroquia recordo que o 14 de setembro en pleno campo facíase unha feira moi típica, que lle chamaban o San Cibrán, onde se vendían eses excedentes e viña xente da Mariña, de Gijón e de Oviedo. E había outra en maio que tiña lugar no Ventorrillo».
Aproveitabanse os trozos da costela do porco e uns trozos da pel. «Estaba moi bo e empezouse a comercializar», relata. E ese é precisamente a clave: a súa elaboración tradicional. «O segredo do butelo da Fonsagrada é que é o auténtico butelo galego, o auténtico butelo da montaña de Lugo. O peixe se se come nos sitios onde o hai que comer está máis bo e con isto pasa igual. Algo temos aquí, será a man ou o clima». A man, o clima e, por suposto, a experiencia.
«Intentamos facelo da mellor forma posible e séguese procurando manter esa calidade de sempre. Nós facémolo totalmente natural, non lle botamos colarantes nin condimento ningún, nada máis que sal, allo e pimentón, para tratar de que sexa como se elaboraba antigamente». Respectar ese proceso pode ser o responsable de que ano tras ano as cantidades de alimento que se demandan non deixen de aumentar. «Antes vendíanse certos quilos e hoxe saen toneladas durante a tempada. Na Fonsagrada apostamos por facer un bo produto, que guste á xente e que así volva a mercalo, que é o que está a pasar hoxe en día. Os que empezaron vindo continúan achegándose e cada día véndese máis butelo e embutido», conclúe José Luis.