José Antonio Fernández: «De seguir así, a rubia galega pasa pronto a estar en perigo de extinción»

BARALLA

O gandeiro de Baralla pensa que a asociación de rubia galega ten que dar un xiro para potenciar a raza
07 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.José Antonio Fernández, ex presidente do Craega preséntase nunha lista con outros candidatos de comicios anteriores ás eleccións en Acruga. O gandeiro de Baralla, que pensa que a asociación de rubia galega teñen que levala gandeiros con esta profesión como actividade principal, é moi crítico coa xestión do ata o de agora presidente.
-¿Cómo afronta estas eleccións?
-Véxoas complicadas. Nós temos que loitar contra os poderes dun candidato que leva toda a vida como tal e con outro que leva de presidente moitos anos. Non sabemos moi ben cales son os motivos de tanto interese. Os gandeiros non necesitamos que un funcionario e un xubilado nos digan o que temos que facer.
-¿Vese con posibilidades?
-Os sistemas electorais son complicados. A solución pasa porque o presidente de Acruga sexa gandeiro como actividade principal. Visto isto, penso que é posible, pero haberá que agardar ao día 19 para contar os votos.
-¿Como pensa que vai afectar o voto delegado?
-Da outra vez pelexamos en asemblea que non o houbera, e conseguímolo. Desta vez fixérono por decreto mediante unha convocatoria da xunta directiva para non enfrontarse a asemblea. Para min isto indica que quere seguir sendo presidente e que está nervioso.
-¿Pensa que se recolleron votos antes do inicio de campaña?
-O modelo que nos entregou o venres xa o tiñan aprobado, non se sabe dende cando, e pode que haxa votos delegados firmados de antes do inicio da campaña. Teño claro que se os hai, serían para a candidatura de César Dorado.
-¿Que pensa que ten que cambiar en Acruga?
-O primeiro que imos a facer se gañamos é que a asociación deixe de ser presidencialista e que sexa transparente, que agora non o é. Tamén buscamos que haxa mellora xenética para que non faga falta comprar toros blonda ou limusín, con fin de evitar os principais problemas nos partos que teñen as nosas vacas.
-¿Cales son os problemas?
-O primeiro o dos partos que comentei. A rubia galega xa non ten aptitude leiteira e hai moitos problemas cos becerros cando nacen os que lles hai que dar leite. Iso nunha explotación con poucas vacas é factible, pero agora a maioría xa son cun número grande e é moi complicado controlalo.
-¿Que ten que cambiar?
-Unha das cousas que haberá que facer será conseguir axudas para os gandeiros que estamos a fomentar a raza. César dende que está de presidente esqueceuse diso. Do único que se acordou foi de poñernos unhas cotas de 30 euros, coas que as veces tamén xoga o seu antollo e fai condonacións de débedas, co que o final, pagamos os parvos.
-¿Como ve a raza?
-As administracións obrigaron a Acruga a xenotipar os animais, pero os resultados están sen pasar a base informática. Na páxina web figuran 40.000 cabezas, o 60% reprodutoras, cando hai dous ou tres anos había 60.000. Para comprobalo só hai que consultar a páxina do Ministerio. Todos os anos se baixa en animais. Dese 60% eu pregunto, ¿cantas están no rexistro definitivo? Temo que non vai chegar a 15.000 animais. De seguir así pasaremos a perigo de extinción, que por outra banda vai ser a maneira de cobrar axudas.
-¿Pensa que esa é realmente a situación?
-A raza está en regresión e se segue nas mans de César Dorado, en catro anos vai chegar a perigo de extinción. Non teño ningunha dúbida, cando a rubia galega é un emblema de Galicia, que nos identifica. Dá pena que non estean por riba da blonda e da limusín. Ata o de agora a preocupación foi inscribir explotacións e meter animais, cando o lóxico é que cando metes unha xovenca que pare se recollan mostras de pelo e sangue e iso, se estou no certo, empezouse a facer hai un ano. Figuraban no rexistro definitivo moitos animais que volveron o auxiliar porque non se correspondía coa nai, co pai, ou con ambos, que se teñen dado casos.
«Se se recolleron votos delegados antes da campaña teño claro que son para César Dorado»
«Temo que non chegan os 15.000 animais os que están no rexistro definitivo»