Begonte estrea praza do Concello e unha nova casa consistorial

ANA L. CILLERO / M.C. BEGONTE / LA VOZ

BEGONTE

Ana L. Cillero

Entre a colaboración das diferentes institucións destinouse case un millón de euros para as obras

21 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Begonte renovou unha parte importante do centro da vila coa inauguración, o venres á tarde, da remodelación da praza do Concello e da casa consistorial. Para estas obras achegouse un total de case un millón de euros, entre a colaboración do Concello, Xunta e Deputación.

O alcalde de Begonte, José Ulla, foi o responsable de comezar o acto. Estaba acompañado das autoridades pertinentes: a conselleira de Medio Ambiente e Infraestruturas, Ánxeles Vázquez; o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; a deputada e secretaria do Parlamento, Raquel Arias; o deputado provincial Pablo Rivera; a presidenta provincial do Partido Popular e alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; o alcalde de Friol, José Ángel Santos, e demais compañeiros de corporación e goberno. Tamén estaba convidado o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que non puido asistir.

As primeiras palabras de Ulla foron de agradecemento a todas as administracións colaboradoras neste proxecto. Fixo especial fincapé na Deputación Provincial, debido a que «grazas á intermediación, a colaboración e a boa vontade de Elena Candia e do anterior presidente, Darío Campos, fixeron posible que se firmaran dous convenios excepcionais que fixeron que fora realidade unha parte das obras», explica José Ulla.

Convenios con administracións

Coa Xunta de Galicia tamén se firmaron dous convenios para a remodelación da casa consistorial. A conselleira de Medio Ambiente e Infraestruturas, Ánxeles Vázquez, a través da concesión do Plan Urbe, destinou case 500.00 euros «integramente» para estas obras.

Tamén houbo cumpridos para o traballo dos arquitectos locais, empresas construtoras e aos irmáns que venderon «a un prezo moi razoable», segundo comentaba o rexedor, os seus terreos para a ampliación da praza.

«Dende o noso equipo de goberno propuxémonos facer un Begonte máis moderno, onde se melloraran as infraestruturas e os servizos», aclaraba Ulla, e engadía que todo isto se fixo polos veciños e traballadores do concello. Así, agora a casa consistorial conta con rampas, ascensor e maior accesibilidade e a praza está pavimentada e acondicionada con máis espazo verde e cun parque infantil para os máis pequenos. Ademais disto, conta cunha fonte e cunha nova rede de saneamento, abastecemento e iluminación. Begonte é un concello pequeno que «pode facer que os seus veciños teñan as mesmas infraestruturas que outras grandes cidades», comentaban.

O deputado provincial, Pablo Rivera, considera que «gran parte da vida dos veciños pásase na casa consistorial, co cal era preciso esta obra dende hai moito tempo para ter unha infraestrutura moderna e adaptada aos tempos.

Na mesma liña continuaron o delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, que loou a gran labor do alcalde, dicindo que «os cargos públicos están de paso, pero as obras quedan nos concellos e queda quen as negociou», e tamén a conselleira Ánxeles Vázquez, incidindo na labor da Xunta para «botar a man» e en axudar en que o rural sexa o máis activo posible e logre estar a altura doutras grandes cidades.

Begonte gozou dunha xornada festiva de inauguración onde tamén houbo verbena e cea gratuíta para os veciños.