O TSXG obriga ao Concello de Castro a devolver medio millón por obras que non executou

lugo / la voz

CASTRO DE REI

A Xustiza vén de dar a razón á Deputación de Lugo ao desestimar o recurso de apelación presentado polo Concello de Castro de Rei ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia 

23 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xustiza vén de dar a razón á Deputación de Lugo ao desestimar o recurso de apelación presentado polo Concello de Castro de Rei ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) polos cartos de cinco traídas de augas. A sentenza, que é firme, obriga ao Concello a devolver 500.000 euros, «o importe total que a Deputación lle adiantara en 2011 para financiar unhas obras que nunca chegaron a executarse», sinalaron desde o organismo provincial. A sentenza tamén condena ao Consitorio a facerse cargo das custas xudiciais, estimadas nuns 1.000 euros.

Desde a Deputación lembraron que no 2011 asinou un convenio de colaboración co Concello de Castro, polo cal a institución provincial lle adiantaba cartos do seu orzamento desa anualidade para acometer diversas melloras nas traídas de augas das parroquias de Quintela, Bendia, Duarría, Loentia e Castro de Ribeiras de Lea. O prazo máximo de execución remataba en decembro dese mesmo ano.

A Deputación sinala que malia contar xa cos cartos nas arcas municipais e a piques de cumprirse este prazo máximo, «o alcalde de Castro solicitou unha prórroga, xa que aínda tiña sen executar gran parte destas obras. A Deputación concedeulle outros dous meses, durante os que os traballos non avanzaron, e que foi seguida dunha nova petición de prórroga. Neste caso, a resposta do organismo provincial foi negativa, xa que non contaba con marxe legal ao deixar de estar en vigor o convenio». De feito, din desde a Deputación, o Concello non executou «un 72%, case as partes, do importe da subvención», tal e como detalla literalmente a sentenza do TSXG.

Resposta do alcalde

Pola súa parte, o alcalde de Castro, o popular Francisco Balado, sinalaba onte tras coñecer o fallo xudicial que recurrirán dous aspectos do mesmo. Por unha parte, sinala que a cantidade que di a Deputación que aportaba eran 500.000 euros, cando a cifra é de 496.000 euros. «Non temos porque pagar máis do que nos corresponde», dixo. E por outra parte, Balado lembrou que do orzamento total das obras, 140.000 si foron executados e non teñen que devolver. «Nós nunca recurrimos polos 360.000 euros que non se fixeron», sinalou o rexedor popular. «Cremos que hai amparo legal para non ter que pagar o que non nos corresponde», sentenciou.