
Nicolás Susena, o sacerdote que leva 36 parroquias, case todo o concello de Castroverde
02 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Nicolás Susena Presas naceu en Lalín, e dende cativo sentiu vocación polo sacerdocio. Non obstante, apartou esta idea durante uns anos, e foi ao rematar os estudos de bacharelato cando se decidiu a perseguir o seu soño. Comezou a desenvolver a súa labor como párroco en marzo de 2020, e nos os seus inicios o lalinense levaba dez parroquias, que cos anos aumentaron ata chegar ás 36 que atende hoxe en día.
A pesares da súa curta traxectoria como sacerdote, Nicolás Susena encárgase de case tódalas parroquias do concello de Castroverde a excepción dunha, e dunha parroquia de Lugo. Esta situación relaciónase co cambio na relación dos fregueses coa relixión e coa evolución da poboación do rural, indica o párroco.
—Cantas parroquias leva?
—36 parroquias, todas as do concello de Castroverde a excepción de unha, e unha de Lugo.
—Como se organiza no seu día a día?
—Bueno, eu creo que o máis importante é ter un calendario e que todo o mundo saiba máis ou menos ónde vai haber celebracións fixas, porque os domingos celebramos en tres lugares establecidos xa dende hai tempo. Entón eses tres puntos de referencia son habituais, todo o mundo sabe que hai misa a esa hora nese sitio. No resto de parroquias, cada dous meses aproximadamente pasamos por todas. Iso a nivel celebrativo, despois todo o mundo sabe que temos redes sociais, un grupo de WhatsApp, a canle de avisos...e a partir de aí imos avisando de tódalas cousas que hai, tanto celebracións, como actividades, etcétera. Eu creo que do máis importante do día a día é a planificación e a dispoñibilidade. Todo o mundo sabe que se precisa algo me pode chamar, aínda que atendendo a tantas parroquias ás veces non é sinxelo.
—Este gran nivel de traballo se debe á escaseza de párrocos?
—Si. Hai un pouco de todo, hai moitas variantes. Existe unha falta de clero, e despois hai un número moi elevado de parroquias. Pero tamén se debe ter en conta que está baixando o nivel demográfico, entón isto vai provocar que nuns anos moitas parroquias desaparezan porque non hai xente vivindo nelas. Entón eu creo que a nós colleunos un tempo de cambio, no que hai moita xente que participa nas celebracións e que ten un compromiso coa vida de fe, que tamén dentro duns anos vai a desaparecer. Entón estamos á expectativa de qué vai acontecer nos próximos anos.
—Cal diría que é o seu maior reto ou dificultade na súa labor?
—Enganchar á xente nova. Si que teño moita facilidade de dialogar con eles e sinto que en xeral hai un aprecio, un cariño cara o párroco, pero despois si que vexo que a práctica da vida de fe é máis escasa. Ese é o reto para min máis fundamental.
—Que cre que se pode facer para atraer á xente máis nova ?
—Eu creo que hai que tratar de involucralos, que participen nalgunhas cousas da parroquia e que se sintan parte dela. Sobre todo a través dos nenos, moitas veces é o xeito máis sinxelo. Moitos deles xa teñen fillos, e se participan os nenos eles tamén.
—Qué o motiva a continuar a pesar de ter tanto traballo?
—O feito de ser sacerdote e de poder coidar da xente e atendelos, eu creo que para min é o máis importante. Estar aí a pesar dos retos e do gran volume de traballo.
—A pesar do esforzo, é unha labor agradecida? Nota o cariño da xente?
—Si, moito. Ademais nese sentido o rural é incrible, a acollida, o cariño e o respecto que tes é enorme, incluso por parte de persoas que non teñen práctica de fe. Isto fai que en moitas ocasións se xere unha relación e un vínculo que non se sabe onde pode acabar.