Veciños de Cervantes levan meses sen cobertura de telefonía móbil: «Non podemos nin chamar a emerxencias»

Paula Álvarez García
P. ÁLVAREZ LUGO / LA VOZ

CERVANTES

Imagen de archivo del Concello de Cervantes
Imagen de archivo del Concello de Cervantes ÓSCAR CELA

Dende a Asociación Sociocultural Ribeira Cervantega solicitan ao Concello «a que tome as medidas oportunas para instar ás operadoras telefónicas a que realicen as melloras técnicas necesarias»

10 feb 2025 . Actualizado a las 21:15 h.

A Asociación Sociocultural Ribeira Cervantega fala estes días en nome de todos os veciños de Cervantes, que levan meses sorteando os problemas de cobertura de telefonía móbil, con continuas dificultades para poder realizar chamadas de calquera tipo ou ter acceso a Internet.

Segundo explican dende a asociación, o problema ten orixe na mudanza do repetidor do Pandelo, que se modernizou para cubrir coberturas 4G ou superiores. «Ao continuar o repetidor do Fabal na modalidade 3G preséntase un conflito de compatibilidade, imposibilitando así que os nosos veciños poidan empregar este servizo», indican.

Os veciños, dada esta situación, falan de dificultades tanto para o seu día a día como para os negocios locais. «Non só isto, senón tamén supón un obstáculo para as persoas que desexan teletraballar dende alí ou, máis preocupante aínda, que precisan contactar cos servizos de emerxencia, como nas últimas semanas», manifestan os membros de Ribeira Cervantega. A imposibilidade de contactar con emerxencias foi, aseguran, o que intensificou a súa demanda.

Dende a agrupación solicitan ao Concello de Cervantes «a que tome as medidas oportunas para instar ás operadoras telefónicas a que realicen as melloras técnicas para dar acceso a unha mellor cobertura e procedan a modernización do repetidor do Fabal». Así mesmo, din que «sabemos que o Concello foi informado da situación con anterioridade e ten vontade de colaborar, polo que agardamos boas novas o antes posible».