A actriz María Vázquez recibirá en Láncara o Premio Ramón Piñeiro «Facer País»

Laura López LUGO / LA VOZ

LÁNCARA

María Vázquez recibirá en Láncara o premio o 29
María Vázquez recibirá en Láncara o premio o 29 Miguel Villar

O acto cultural terá lugar o sábado 29 e contará con homenaxes, música e comida

12 nov 2025 . Actualizado a las 13:45 h.

Sábado 29 • 12.00 horas • Láncara • 

A actriz María Vázquez (Vigo, 1979) recibirá o XXIII Premio Ramón Piñeiro López «Facer País», convocado pola Asociación Cultural Val de Láncara. A artista, con raíces familiares en Carballedo, conta cunha ampla traxectoria no eido da interpretación, ten traballado no cinema baixo as ordes de Icíar Bollaín ou Montxo Armendáriz e acadou unha candidatura aos premios Goya polo seu papel en Matria, de Álvaro Gago.

O acto de entrega terá lugar o sábado 29 en Láncara. Comezará ás 12.00 na casa consistorial (A Pobra de San Xiao), coa firma da premiada no Libro de Honra de todos os premiados e a intervención de membros do Concello. Ás 13.00, na ponte romana de Carracedo, intervirá o profesor Xurxo Rodríguez e actuará o grupo tradicional da Asociación Cultural Val de Láncara.

Despois, ás 13.30, na antiga casa consistorial de Carracedo, entregarase o premio e intervirán Manuel Vázquez, que guiará o acto; a escritora e activista sarriana Iolanda Díaz Gallego, gañadora da anterior edición do premio; María Vázquez, actriz galardoada, e Marta Horbán. Tamén se levará a cabo unha ofrenda floral a Ramón Piñeiro.

Por último, ás 14.00 horas, terá lugar unha comida na antiga casa consistorial. Quen estea interesado en participar deberá facer as súas reservas chamando ao teléfono 691 175 650.

Coidar o territorio

A asociación lancaresa recoñece cada ano o labor dunha persoa ou entidade a favor do desenvolvemento de Galicia. No caso de María Vázquez, o xurado valorou que a actriz entende que «facer país é vivir a lingua, apoiar a cultura e coidar o territorio».

Unha decena de asociacións da comarca de Sarria participou na elección da gañadora. O premio, que organiza a Asociación Cultural Val de Láncara, conta tamén co apoio da Deputación de Lugo, o Concello de Láncara e Caixa Rural Galega.