Mondoñedo abre a mostra que redescubre a vida de Cunqueiro

María Cuadrado Fernández
maría cuadrado MONDOÑEDO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

A exposición percorrerá Galicia polo centenario do nacemento do autor

16 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A exposición No niño novo do vento, Cen anos con Álvaro Cunqueiro 1911-2011 abriu onte as súas portas no auditorio de Mondoñedo, un espazo no que se visionan entrevistas televisivas co autor, se exhiben libros e 16 paneis informativos con fotos que resumen a vida e a obra dunha das máis valiosas presenzas da cultura galega. Despois do 18 de maio, a mostra recalará en Santiago, Ourense, Lugo, A Coruña, Pontevedra, Ferrol e Vigo, para divulgar entre o público de todas as idades detalles da vida e obra do intelectual, co obxectivo de redescubrir ao «meirande fabulador da nosa literatura». Así o definiu o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, quen abriu a mostra «que nos permite ir de visita ao mundo máxico de Cunqueiro».

Varela destacou a vinculación do escritor coa súa vila natal e lembrou que «Mondoñedo tamén foi sempre un lugar ao que Cunqueiro nunca se cansou de regresar». O conselleiro versionou a Rilke -«a infancia é a patria do home»- para lembrar que Cunqueiro «recoñecía abertamente que, cando menos, un chisco da terra na que se criou se derramaba en cada un dos seus libros». O titular de Cultura destacou o esforzo dos comisarios da exposición, María Liñeira e Víctor F. Freixanes, e a implicación da Editorial Galaxia, a Fundación Penzol e o Concello de Mondoñedo.

A presenza de varias ducias de mazás tiradas polo chan contribúe a recrear o estudio de Cunqueiro, coa presenza de figuras a tamaño natural dalgúns dos seus personaxes, como o mago Merlín e Felipe de Amancia. O detalle permitiulle a Freixanes lembrar o arrecendo a mazás que desprendía o despacho de Cunqueiro e, ao conselleiro, apuntar o significado de xuventude que ten a mazá na cultura xermana, para desexarlle «vida eterna» ao creador.

Para diferenciar a literatura que só busca entreter da obra cunqueiriana, o alcalde Orlando González lembrou que «Cunqueiro transitou un camiño que leva ao corazón do home e, por iso, será sempre universal». Benxamín Casal, en representación da Fundación Penzol, destacou a estreita relación entre Fermín Penzol e o autor mindoniense, e subliñou a importancia de que a exposición parta da súa cidade «rica en pan, en augas e en latín». Tamén Freixanes agradeceu a colaboración do director xeral do Libro, e a Xosé Díaz, o deseño da exposición, que podería exhibirse fóra de Galicia

A mostra pode visitarse no auditorio de Mondoñedo de luns a venres, de 10 a 13 e de 16 a 19 horas, e os sábados, de dez a unha da tarde.