Christian Villamide, na Bienal de Pontevedra: «A cultura axuda a poñerse na pel dos contrarios»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O artista Christian Villamide, na súa obra en Pontevedra
O artista Christian Villamide, na súa obra en Pontevedra CEDIDA

O célebre artista multidisciplinar de Lugo reflexiona sobre a hipervixilancia tecnolóxica nun evento internacional que pon o foco nos conflitos bélicos

03 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O artista multidisciplinar Christian Villamide (Lugo, 1966) forma parte do selecto grupo de sesenta creadores internacionais elixidos para participar na 32 Bienal de Pontevedra, a máis antiga de España. O evento, que leva por lema nesta edición Volver a ser humanos ante a dor dos demais, pon o foco nos escenarios bélicos abertos en distintos puntos do planeta. De feito, varios dos artistas participantes pertencen a lugares en conflito. Villamide, cuxa obra se centra na relación entre o natural e o artificial, poñendo en evidencia as tensións entre o puro e intervido polo ser humano, presenta o proxecto Observatorios/nunha paisaxe cun tiro na nuca, que se poderá visitar ata o 30. Trátase dunha instalación que propón unha experiencia inmersiva á vez que inquietante sobre a vixilancia, o control e a fraxilidade da intimidade. A través de muros de celosía e ocos estratéxicos, constrúe un espazo no que mirar e ser mirado.

—Que tal está sendo a experiencia na Bienal?

—Ser seleccionado para unha bienal coma esta, con artistas internacionais de primeiro nivel, é moi enriquecedor. O tema troncal son os conflitos bélicos que existen hoxe a nivel global, de aí o título Volver a ser humanos. A Bienal está comisariada por Antón Castro e baixo a filosofía e o pensamento de Rob Riemen e Susan Sontag, e consegue poñer en foco a arte contemporánea dende Galicia con interesantes propostas, moito debate, reflexión e revisión de modelos e políticas establecidas.

—O título da súa proposta é bastante impactante. Que busca transmitir con esta obra?

Observatorios/nunha paisaxe cun tiro na nuca consta de tres construcións, a modo de observatorios, que se dispoñen no espazo expositivo de tal forma que os visitantes poidan camiñar entre as tres pezas e entrar en cada unha delas. Dende elas, e a través das paredes de celosía e os ocos, a modo de fiestras semi tapiadas, poderemos observar as escenas, espiar, contemplar os outros individuos, as súas actitudes, reaccións… Todo isto é como mirarnos a nós mesmos dende o outro lado do espello e ver as consecuencias que provocamos directa ou indirectamente na nosa contorna. É unha mirada á reflexión do territorio marcado por un conflito, tanto na súa poboación como na súa paisaxe. Tamén é unha experiencia inmersiva sobre a vixilancia, o control e a fraxilidade da intimidade. Hai tres observatorios: observatorio voyeur, observatorio de autocrítica e observatorio para especulación.

Imaxe da instalación que presenta o artista lugués na Bienal, sobre a vixilancia, o control e a fraxilidade da intimidade.
Imaxe da instalación que presenta o artista lugués na Bienal, sobre a vixilancia, o control e a fraxilidade da intimidade.

—O compromiso coa sociedade segue presente na súa obra.

—O meu traballo é o resultado de lentas reflexións, de valorar moitos puntos de vista, de ler entre liñas as distintas cuestións que me preocupan. Nada é branco ou negro, senón unha infinidade de matices unidas ás políticas e actuacións que me tocan vivir, con demasiadas prohibicións e poucos acercamentos de posturas. Pero hoxe a polarización vai en aumento e ninguén quere que penses por ti mesmo, que sexas dogmático, parece que disertar ou debater é perigoso. A arte e a cultura axudan a entender moitas cousas e tamén a poñerse na pel dos contrarios.

A vixilancia é poder, o xeito de poder máximo neste momento

—Como nace a idea desta instalación?

—Cando comecei a traballar na parte intelectual da peza e antes de empezar os bosquexos, víñame á cabeza a necesidade dun material permeable que dera certa invisibilidade para que o espectador puidese observar sen ser visto. A importancia do material é moi importante para min, necesito encontrar un que me transmita sensacións nas mans, de peso, temperatura, texturas… ao final, decanteime pola arxila térmica que, colocada contra posición, permite crear unhas paredes tramadas que deixan ver sen ser visto. Decidín que en cada observatorio só puidese entrar unha persoa para que a súa experiencia fose completa. Ademais, algunhas desas paredes tramadas van esmaltadas en dourado para, simbolicamente, transformarse en templos de especulación.

—Considera contraditorio que nun mundo cada vez máis «vixiado» tamén se multipliquen conflitos e dramas humanitarios?

—A vixilancia é poder, o xeito de poder máximo neste momento. Todos os nosos movementos, gustos, actitudes, ideas… son rastreados constantemente; dende o contador da luz ata o coche, redes, tarxeta… que envían datos constantemente cada vez máis cruzados con outros. Ao final somos meros números con determinados gustos coñecidos para que se nos poidan comercializar produtos.

— Trala Bienal, cales serán os seus próximos proxectos?

—Teño varios importantes a longo prazo. Neste intre estou preparando a presentación dun libro feito con Ánxela Gracián: ela fai os textos e eu a parte visual, Benu Zula e a unicornia branca. Presentarase en Lugo este mes no Vello Cárcere, en outubro na Fundación Granel de Santiago e noutras cidades. A miña próxima exposición será nunha galería de Portugal, Castra Leuca, coa que estou a traballar, e en outubro estarei na Feira de Estampa en Madrid.