Muras celebra a Feira do Poldro: «A calidade da nosa carne é excelente, con importantes propiedades culinarias e para a saúde»
MURAS

A feira terá lugar o domingo 28 na Gañidoira, con carreiras, degustacións, música, concurso de gando e actividades infantís. Previamente, o venres e o sábado, locais hostaleiros servirán pratos de balde a base de carne de poldro
25 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Muras quenta motores para gozar da Feira do Poldro e do Gando do Monte, declarada Festa de Interese Turístico Galego. A cita celebrarase este domingo, na Gañidoira, con actividades durante todo o día, pero este ano contará, como novidade, con degustacións de carne de poldro os días previos. Serán o venres 26 e o sábado 27, nos locais hostaleiros de Muras (Bar Santi e Chiringuito de Muras), que ofrecerán pratos gratuítos a base de carne de poldro de Pura Raza Galega, a partir das 20.00 horas, no marco do programa de promoción de produtos de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural degusto.
Segundo explica a tenente de alcalde de Muras e coordinadora da feira, Paula Gómez, estas degustacións previas buscan, ao igual que a propia feira, «promover a carne de poldro e darlle á xente a oportunidade para probala. Porque a experiencia dinos que, quen a proba, repite». Gómez destaca que, en Muras, «a calidade da nosa carne, tanto de poldro como de vacún, é excelente, con importantes propiedades culinarias e para a saúde. Contamos cunha gandería en extensivo, terreos sen contaminar, unha crianza tradicional respectando o benestar animal... E todo iso favorece a elevada calidade dos produtos que temos», engade.
Promover a carne de poldro e bovino que se produce en Muras, un dos obxectivos da feira, é tamén especialmente importante nun municipio gandeiro coma Muras. Segundo explica a tenente de alcalde, hai máis de 140 explotacións de vacún e cerca de 6.000 cabezas de bovinos, o que supón uns indicadores moi por riba da media galega: con 0,24 explotacións de vacún por habitante, Muras sitúase coma o municipio galego con maior ratio de unidades de gando vacún por habitante.
A feira do 28, ao detalle
O programa da feira, que terá lugar o domingo 28, comezará ás 10.00 horas e contará con diferentes actividades de posta en valor da tradición gandeira e de promoción da carne de poldro; entre elas, o concurso de gando da feira, un certame morfolóxico de Puraga, carreiras de andadura e unha degustación de hamburguesas de carne de poldro de Pura Raza Galega. O recinto da feira contará tamén cunha demostración de talla de madeira, unha carpa de actividades infantís sobre o mundo do cabalo e ambientación musical. «Os gandeiros e os participantes nas carreiras fan unha labor moi importante para manter esta tradición e son os verdadeiros protagonistas da festa», continúa a tenente de alcalde, quen avanza que cada ano se bate récord de participación, con xente de toda Galicia, Asturias e León. O programa de actividades é o seguinte:
· 10.00h. Apertura da feira
· 10.30h. Cualificación do gando
· 11.00h. Exhibición de escultura de madeira con motoserra
· 11.15h. Concurso morfolóxico Puraga
· 12.00h. Degustación de hamburguesa «Gañidoira», de carne de poldro 100 % raza autóctona
· 12.00h. Presentación de carreiras de andadura
· 12.15h. Carreiras de andadura (-1,51)
· 15.15h. Presentación de carreiras de andadura
· 15.30h. Carreiras andadura (+1,51 e SUB 16)
· Ademais, haberá actividades infantís de balde, con bautismo hípico (Pony Club), de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00, e inchables e touro mecánico, entre as 11.30 e as 14.30 horas.
Ademais da propia feira, desde o concello seguen traballando na «marca Muras», coa Vicepresidencia da Deputación e a USC, co obxectivo de «enxalzar a calidade dos produtos que temos». Este traballo vai en paralelo a outras iniciativas, como a posta en marcha de tres cargadoiros ao ano no espazo da feira, na Gañidoira, por iniciativa da veciñanza, para contar cunha zona de venda de poldros.