Máis de 50 veciños de Navia de Suarna levan case un ano sen poder ver a TVG: «É que prefiro ter a televisión apagada»

Paula Álvarez García
P. ÁLVAREZ OS ANCARES / LA VOZ
ALBERTO LÓPEZ

Na parroquia de Castañeda levan once meses pedíndolle á Xunta que arranxe o repetidor, posto que hai máis de cincuenta persoas afectadas

19 sep 2024 . Actualizado a las 17:34 h.

Os veciños de Castañedo, unha parroquia de Navia de Suarna situada pouco antes do límite con Asturias, están desesperados. Levan case un ano, exactamente once meses, sen poder ver a Televisión de Galicia (TVG) por problemas co repetidor. É a segunda vez que se manifestan ante este medio, La Voz, e perderon xa a conta das veces que se queixaron ante a Xunta. O resto de canles cáptanas a través do repetidor de Asturias, e o problema só recae sobre a galega. 

Segundo explica o alcalde do concello, José Fernández, hai entre tres ou catro núcleos de poboación afectados, o que se traduce en máis de 50 persoas. De feito, confesa que hai algunha aldea na que non funciona o televisor. «Poden ver as canles de Asturias e non a nosa e isto é un problema para eles, na súa maioría xente maior, que están acostumados a ver o telexornal e os programas diarios», conta o rexedor.

Tamén asegura que xa lle transmitiu no seu momento a urxencia á administración autonómica, que é sobre quen recae a responsabilidade de reparar o repetidor, pero non deron ningunha solución, e a falta deste servicio enfada cada vez máis aos veciños. «Hai xente de 90 anos que non quere ver outra cousa», conta un veciño, que tamén explica que o repetidor ten case 30 anos e no propio aparato pon que pertence á Xunta de Galicia. «É que prefiro ter a televisión apagada», manifesta outra veciña, que asegura non poder xa máis ante a situación.