Unha década tecendo cultura galega en Outeiro de Rei

Laura López LUGO / LA VOZ

OUTEIRO DE REI

Imaxe de arquivo do Convivio da Cultura Galega en Outeiro de Rei
Imaxe de arquivo do Convivio da Cultura Galega en Outeiro de Rei ALBERTO LÓPEZ

Haberá música e homenaxes a Manuel María e Saleta Goy

05 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Sábado 8 • Desde as 11.15 horas • Outeiro de Rei • 

Outeiro de Rei acollerá o Convivio da Cultura Galega este sábado. O encontro anual do asociacionismo cultural de base chega este ano á décima edición, con máis de 25 entidades que participarán na xuntanza organizada pola Casa-Museo Manuel María e a Federación Galiza Cultura, co apoio da área de Vicepresidencia da Deputación.

As directivas das asociacións que integran a Federación Galiza Cultura reuniranse pola mañá para facer balance das súas actividades, compartir reflexións, establecer sinerxias e artellar a súa actuación en común.

Ademais, a música tradicional é unha das grandes protagonistas do convivio. A carballeira de Santa Isabel, un espazo natural situado á beira do río Miño, acollerá, por décimo ano consecutivo, a actuación da Banda de Música Sons e Soños. Integrada por músicos de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, a banda foi a encargada de amenizar a xuntanza desde a primeira edición. Nesta ocasión estará acompañada pola fadista galega Iria Estévez o guitarrista portugués Artur Caldeira.

A festa continuará pola tarde cunha foliada conducida por Xurxo Souto. O músico, xornalista e escritor coruñés, ideólogo do rock bravú e cantante dos Diplomáticos de Monte Alto, é unha figura de referencia na historia do convivio e será, unha edición máis, o mestre de cerimonias da celebración.

As referencias ao recordado escritor chairego serán constantes ao longo da xornada: nas actuacións musicais interprétanse pezas sobre os seus textos, e el e a súa dona Saleta Goy serán obxecto dunha ofrenda no cemiterio. A Casa-Museo é o punto de encontro no que dará comezo a celebración, ademais de albergar o encontro das asociacións que integran a Federación Galiza Cultura.

A programación é a seguinte:

· 11.15h. Acollida na horta da Casa-Museo Manuel María coa coral Solfa

· 11.45h. Saída a pé para a carballeira de Santa Isabel con parada no cemiterio de Outeiro para a ofrenda a Manuel María e Saleta Goy

· 12.30h. Actuación na carballeira da Banda de Música Sons e Soños, dirixida por Armando Morales, acompañada pola fadista galega Iria Estévez e o guitarrista portugués Artur Caldeira

· 13.45h. Xantar

· 16.30h. Foliada que conducirá Xurxo Souto na carballeira coas actuacións de Birloque Gaiteiros, Vento Mareiro, Zurrumalla, Xurxo Souto & Richi Casás, Os Parabéns, Balura, Tribo, e Tradivivas Agra.