Os nomes dos estradenses

Juan Andrés Fernández A ESTRADA / LA VOZ

PARADELA

Arquivo Municipal da Estrada

08 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Arcisus Titus Aulius, velaí o primeiro estradense do que conservamos rexistro escrito. Aparece o seu nome nunha inscrición votiva á deusa Diana ubicada no territorio que hoxe se corresponde coa parroquia de San Xurxo de Vea, a un pasiño do Ulla. Formaría parte da pequena aristocracia rural e viviu arredor do ano 50 da nosa era. As partículas segunda e terceira do seu nome denotan filiación latina, sendo a primeira (Arcisus) de raíz claramente indíxena. Esta tripla fórmula onomástica (tria nomina) denota, ademais, a súa condición de cidadán romano.

Os nomes de Colupata, Urbanila, Marcela e Severina, aparecen en estelas do século II encontradas nas parroquias estradenses de Paradela, Berres, Guimarei e Rubín, respectivamente. As estelas galaico romanas son monumentos funerarios tallados en pedra, a modo de pequenas lápidas que adoitaban fincarse na terra. Na parte aérea, que pode estar ou non decorada, encóntrase o texto epigráfico onde se menciona, entre outros pormenores, o nome do defunto, idade, parentesco coa persoa oferente e deidades a quen se invoca. Moitas destas estelas funerarias foron reutilizadas como material construtivo e forman hoxe parte do paramento dalgunhas igrexas, como a estradense de Santa María de Rubín, auténtico museo ao aire libre. Sabemos da estela de Urbanila que foi comprada por Xosé Dionisio Valladares, pai de Marcial, ao labrego que a atopou e doada ao Museo Catedralicio de Santiago onde hoxe podemos vela.

Nos albores do século V, nun momento de desintegración do poder romano, irrompen na Península Ibérica continxentes xermánicos de gandeiros nómades gobernados por unha aristocracia guerreira pouco numerosa. Un destes pobos, o suevo, veuse establecer no ángulo noroccidental da Península ibérica, a Gallaecia.

Foi breve a duración do reino suevo —incorporado ao visigodo no 585—, poucos os restos arqueolóxicos que se conservan de seu e moi escasas as fontes escritas. Con todo, algúns dos seus nomes perduran na toponimia maior e menor das terras de Tabeirós. Así Guimaredo, Ausendo e Remisario orixinaron os nosos Guimarei, Ouzande e Remesar. Guntén (Sto. Tomé de Ancorados) sería o lugar onde viviu ou tivo unha granxa Guntino; Adoufe (S. Miguel de Castro) deriva de Ataulfo; Golfariz (Pardemarín) de Uulfarico, Friamonde (Callobre) de Fredamundo e Requián (Frades) de Rekila, nome que tamén levou o pai do primeiro rei suevo bautizado na relixión católica: Rekiario.

Durante a monarquía sueva a cristianización da Gallaecia, da que foi incansable promotor Martiño de Braga, experimenta un considerable avance. Vaise abandoando daquela o bautismo de adultos ao tempo que se consolida o de infantes conforme ao ritual católico, que recomendaba a imposición simultánea dun nome; emporiso o seu rexistro escrito non se normaliza deica ben entrada a décimo sexta centuria cando o Concilio de Trento preconiza a inscrición dos neófitos nos libros parroquiais, inesgotable fonte de información antroponímica. Esta longa ausencia de repertorios sistemáticos cómpre paliala con achegas documentais así privadas como eclesiásticas, das que rescatamos, entre os anos 900 e 1200, algúns nomes de varón: Gudesteo, Donino, Gatón, Viliulfo, Segimario ou Gudesindo e, entre os de muller, Fronosilde, Maior, Berille, Resenda, Guntroda ou Eldara, apelativos de clara estirpe xermánica os máis deles que van sendo substituídos por outros do santoral católico (bastante reducido daquela) a medida que progresa, de par da Reconquista e repoboación, a recristianización da Península Ibérica.

Do periodo anterior ao concilio de Trento rexistramos, entre outros: Fernán, Eáns, Roi, Gonçalo, Giao, Paio, Pero, Nuno, Sueiro, Meen. Tareixa, Inés, Constança, Maior, Urraca, María e Dominga, todos eles moradores nestas terras de Tabeirós entre 1419 e 1509.

Nos cánones de Trento (1545-1563) afóndase na dimensión espiritual e teolóxica do bautismo ao tempo que se prescribe o puntual e exacto rexistro dos neonatos —tamén dos casados e defuntos— xunto cos pais, avós e padriños, con expresión dos seus nomes. Formouse deste modo, tras séculos de inscricións nos Libros Parroquiais, o monumental acervo informativo que facilita e propicia a investigación antroponímica. Trento, ademais, supuxo un rearme moral e teolóxico, un renacer do espírito combativo e un esforzo evanxelizador que encarnaron as ordes benedictina, dominicana, franciscana e xesuítica. Veremos máis adiante o alcance deste factor.

En base á información dos arquivos parroquiais de Ouzande, Figueiroa e Guimarei efectuamos o cómputo das persoas nacidas nos séculos XVII e XVIII: 1.950 mulleres e 2.058 homes, resultando un total de 4.008, considerable agregado numérico que garantiza a fiabilidade dos resultados. O nome de muller máis común nestas dúas centurias resulta ser María; Antonio o de varón. Continuando co orde descendente dos nomes masculinos teriamos: José, Francisco, Juan, Domingo, Luis, Manuel, Pedro, Andrés, Benito, Alonso, Pascual...

Pola parte feminina, Antonia, Josefa, Francisca, Manuela, Juana, Benita, Dominga, Jacinta, Catalina, Rosa, Ignacia, Luisa, Andrea, Ana, Ángela, Pascua

A popularidade dos nomes Xosé (e Xosefa) e María explícase abondo polo destacado lugar que ocupan como membros da Sagrada Familia aínda que o nome de Xesús aparece nun lugar moi alonxado na tabla de frecuencias, sendo substituído por Manuel/Manuela moi relacionados co ciclo de Nadal pois Emmanuel significa “Deus (está) con nós”. Os nomes de Andrés, Xoán e Pedro, discípulos predilectos de Cristo, gozaron tamén de enorme prestixio pola súa proximidade ao Mestre.

Quedaría por explicar o éxito de Benito/a, Antonio/a, Francisco/a, Domingo/a, Luís/a, Xacinta e Catalina, nomes todos eles alleos ao relato bíblico pero moi vinculados cos santos das distintas congregacións de monxes regulares que, durante gran parte da Idade Media e con particular intensidade nas datas posteriores ao concilio tridentino, completaron a evanxelización das áreas rurais e do Novo Mundo. É doado pensar que mentres anunciaban o santo nome de Deus cadaquén loubase a porfía o fundador e santos da súa orde, ofrecendo o exemplo das súa vidas ao tempo que recomendaban os seus nomes á hora do bautismo, no que se percibe unha clara intención propagandística. Lembremos que San Antonio de Padua, quizás o santiño máis popular da era moderna, xunto con San Roque, foron profesos da regra franciscana, así como Santa Xacinta e San Lois. Santo Domingo, fundador da orde dominicana, e Santa Catalina de Siena, da Orde Terceira de Santo Domingo, virían completar o repertorio dos nomes inspirados no santoral católico.

Moi rara vez se observan anomalías na asignación de nomes pois prevalece o ditado do costume local e o peso da tradición; expresado doutra maneira: os nosos devanceiros eran moi conservadores á hora de elixir o nome dos fillos. Emporiso encóntranse nas nosas parroquias certos casos que se apartan desta norma xeral. Así, en San Miguel de Moreira, entre 1744 e 1752, prevalece o nome de Froilán/Froilana. Nunca encontrei explicación a esta teima onomástica. Empeño do párroco? Especial e súpeta devoción dos seus fregueses?