
Trece orixinais disputaron o premio estradense na súa quinta edición
08 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A escritora Macarena García Vicente e a ilustradora Iria Bermúdez Rozas asinan a obra gañadora da quinta edición do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, convocado polo Concello da Estrada co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da editorial Galaxia. Despois de valorar os orixinais e de levar a cabo distintas seleccións e contrastes de opinións previas, o xurado acordou por unanimidade este mércores conceder o galardón á obra titulada Un porquiño polo San Martiño, que se presentou baixo o pseudónimo Lacón e grelos.
Desta volta foron un total de trece as obras presentadas. O xurado encargado de analizalas estivo conformado por Sandra López Díaz, Sara Valcárcel Maceira, José Tomás Díaz Teijo, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez, exercendo este último como secretario.
O xurado quixo destacar neste álbum ilustrado «varios motivos que merecen ser valorados». En primeiro lugar, sinalan que «presenta unha estética moi coidada, tanto no tratamento visual como na elección dos elementos gráficos, o que contribúe a unha experiencia lectora sólida e atractiva». De igual xeito, sinalan que a obra «pon en valor o respecto e o coidado animal dun xeito honesto e sensible, sen caer na simplificación nin no exceso didáctico». «Este enfoque, xa de por si relevante, vese reforzado polo xiro final da historia, que rompe coas expectativas iniciais e engade profundidade», destacaron.
O equipo de expertos quixo sinalar tamén a coherencia entre o texto e as ilustracións. «Ambos elementos están ben integrados e funcionan como un todo, apoiándose mutuamente e reforzando a mensaxe», argumentaron. Destacaron tamén a expresividade da obra, feita «cun coidado sentido do humor» e poñéndose en valor o tratamento da morte.
O álbum será publicado nos próximos meses por Galaxia. A maiores, o premio conta cunha dotación económica de 4.000 euros.