Daniel Lago, da asociación Fillos do Chaira, que organiza o Festival Entrepontes: «En Rábade sempre houbo moita cultura musical e iso transmítese de xeración en xeración»
RÁBADE

O colectivo, que busca a dinamización cultural da vila, tamén colabora na Foliada de Primavera
12 feb 2025 . Actualizado a las 15:28 h.A música nunca falta en Rábade: concertos, escola de música, banda, festivais, foliadas, festas populares... e cada vez son máis as citas musicais que se suman ao calendario cultural da vila. Da organización dalgunha delas encárganse desde a Asociación Cultural Fillos do Chaira, que acaban de anunciar o cartel do Festival Entrepontes, que celebrará a súa terceira edición o sábado 24 de maio no campo da feira de Rábade. Daniel Lago Barreiro, un dos fundadores e membro da directiva da asociación, conta todos os detalles.
—Como xurdiu a idea de organizar este festival?
—Organizar un festival era un dos obxectivos cos que se creou a asociación. Partimos da idea de que fora un festival de música variada (rock, folk, música moderna...), como a Candeloria, o Revenidas, o Derrame Rock... e tendo tamén como referencia Ortigueira, Pardiñas... E sempre intentando apostar pola música en galego e feita en Galicia, aínda que nos abrimos tamén a outras propostas. Buscamos que Rábade sexa un referente da música en directo, para todas as idades. Queremos unir a todo o pobo, cun cartel variado, pero con referentes e boa música en directo.
—Que grupos actuarán este ano?
—Contamos con Biznaga como cabeza de cartel, unha boa oportunidade de gozar desta banda de punk e rock, comprometida con causas sociais, e que farán en Rábade unha das súas poucas paradas de Galicia. Tamén actuará Catuxa Salom, unha cantante que combina a tradición coa modernidade e a música galega con sons exóticos, nun directo moi coidado. Ademais, contaremos co rock dos lucenses Los Jorobados del Miño para abrir o festival. Outro dos grupos será Hermana Furia, cun rock duro e reivindicativo, e tamén estará Vimbio, unha banda de punk e ska galego que pechará o festival. Ademais, a media mañá haberá unha sesión vermú e pola tarde teremos actividades familiares. A entrada é libre e de balde e contaremos con zona de acampada libre. Será, en resumo, unha xornada de boa música e variada, para todas as idades, e estamos moi emocionados co programa. Isto non sería posible sen o apoio das institucións pero, sobre todo, dos veciños e das empresas do pobo, que sempre aportan moito.
—Como naceu Fillos do Chaira?
—A asociación creouse no 2019, tomando como referencia unha asociación que estivera funcionando en Rábade nos anos 80 e que organizaba o Rabafolc e as festas do pobo, entre outras actividades. Este colectivo tamén montaba O Chaira, un bar nas festas de agosto, nun garaxe, onde se traballaba de maneira altruísta. Pero esa xente fíxose maior e os que somos da xeración dos 90, moitos de nós, fillos dos membros do Chaira, xuntámonos no 2019 e decidimos volver a abrir o local para as festas de agosto e tamén para montar unha asociación cultural. Tralo parón pola pandemia, retomamos o traballo e estamos organizando bastantes actividades: un club de lectura, a serie de documentais «Falando de Rábade», en Youtube, actuacións de teatro e música en directo... e o Festival Entrepontes, que tivo a primeira edición no 2023. Este era un dos principais obxectivos da asociación, crear un festival de música na nosa vila, posto que nós tamén somos unha xeración que sempre se moveu entre festivais.
—Tamén colaboran coa organización da Axeigada.
—Si. A agrupación folclórica Axeigo organiza a Axeigada, a segunda edición da Foliada de Primavera, e desde Fillos do Chaira axudamos no que podemos. Neste caso, a cita será o sábado 22 de marzo no centro sociocultural, con actividades e festa durante todo o día. A partir das 12.00 e das 16.30 haberá obradoiros [de baile con Miguel Carballo, de canto e percusión con Xurxo Fernandes e de manipulación de palletas con Pepe Vaamonde] e ás 13.30 haberá sesión vermú [Charanga Benofán e Aririños da Fonda, no Café-Bar 22]. Ademais, ás 19.00 comezarán os Cantos de Taberna [Airiños da Fonda, de Santiago; A.C. Xermolos, de Guitiriz; A.C. Castiñeiro Milenario, de Begonte; e Xuvencas, de Betanzos], e ás 22.30 os concertos [Axeigo, Tarabeliñas, A.C. Donaire e Bailai Malditos], que rematarán cunha foliada aberta. Tamén haberá pinchos e servizo de bar.
—De onde vén toda esta tradición musical de Rábade?
—En Rábade sempre houbo moita cultura musical e iso transmítese de xeración en xeración. Músicos, orquestras, bandas, Músico Crisanto... E, máis recentemente, o Rabafolc, os Estoupacaldeiros... En Rábade sempre se favoreceu a cultura musical e as festas populares foron sempre de moita sona.