Rábade celebra 100 anos: «Os veciños estaban moi ao día na moda dos anos vinte; había tren e chegaban as revistas de París»
RÁBADE

Marga Portomeñe, artesá, deseñadora e directora teatral de Lugo, coordina un obradoiro de vestiario histórico co que prepararse para a festa do centenario do Concello
25 feb 2025 . Actualizado a las 11:48 h.O 28 de maio será festivo en Rábade por un motivo moi especial: celébrase o centenario da súa transformación en municipio independente, despois de segregarse do de Begonte. Para festexalo, o Concello preparou diferentes actividades culturais, que terán o seu acto central o propio día 28, cunha gran festa, á que animan á veciñanza e visitantes a acudir caracterizado coma nos anos vinte do pasado século, cando se fundou o municipio de Rábade. Por iso, un dos talleres que puxeron en marcha é o de vestiario histórico, que se encarga de coordinar Marga Portomeñe, unha experimentada artesá, deseñadora de vestiario e directora teatral de Lugo. O obradoiro ten lugar os venres entre as 20.00 e as 22.00 horas.
—Cal é o obxectivo deste taller?
—O Concello vai celebrar o seu centenario cunha festa histórica e eu encárgome de aportar o asesoramento neste taller. Non é un curso de costura, senón que se trata de coordinar que a roupa se adecúe todo o posible ás tendencias dos anos vinte.
—Como era a moda dos anos vinte?
—O século XX ten moi marcadas as modas, por décadas, e moitas veces a xente confúndese entre elas. Ademais, hai que ter en conta que a roupa máis moderna convivía co traxe tradicional, que se seguiu levando ata moi avanzado o século XX.
—Cales son os trazos principais do vestiario de hai cen anos?
—Se falamos do traxe tradicional, están as camisas, as saias, a faldriqueira, o mandil, o corpiño e o traxe longo ata os pés... que levaban os máis maiores. Pero, entre a xente máis nova, levábase roupa moderna, que nada ten que ver coas vestimentas de cabareteiras con mini saias e flecos que se soe identificar con esa época. A principal revolución da moda dos anos vinte foi a eliminación do corsé, tratábase de ir afrouxando un pouco. Os vestidos eran de talle baixo, levábase zapato de tacón medio, con correa, sombreiro cloché, pano, boina, guantes, bolso... Porque os complementos son moi importantes na moda dos anos vinte. Neste taller, ademais, o que intento é mostrarlles formas de arranxar a adaptar roupa vella que xa teñan, que a poidan customizar sen mercar cousas novas ou sen moito gasto, como xa fixera para un proxecto con Achádego Teatro.
—Ían á moda hai cen anos os veciños de Rábade?
—Os veciños de Rábade estaban moi ao día na moda dos anos vinte; había tren e chegaban as revistas de moda de París. En Rábade movíase moita xente polo tren, había comercio, estaba situado cerca da cidade de Lugo e había moitas modistas e xastres.
—En que outros proxectos está traballando actualmente?
—Continúo coas escenografías teatrais, como un cabezudo e un dragón para Tarabela Creativa ou máscaras para Ítaca Teatro, e tamén vou impartir un obradoiro de máscaras de entroido.