Carmen Conde, dramaturga de Lugo: «Unha mente aburrida non está quieta, é un portal de acceso á creatividade»

Laura López LUGO / LA VOZ

SARRIA

A actriz Mariña Peña e a directora Carmen Conde, nun ensaio de «A tarabela ambulante: Idea» en Sarria
A actriz Mariña Peña e a directora Carmen Conde, nun ensaio de «A tarabela ambulante: Idea» en Sarria CEDIDA

A compañía de teatro Tarabela Creativa estrea este venres, día 21, en Sarria, «A tarabela ambulante: Idea», para público familiar, coa actriz Mariña Pena

20 feb 2025 . Actualizado a las 11:21 h.

Que pasaría se os nenos non tivesen pantallas ou se os seus xoguetes non tiveran luces nin música? A partir desta hipótese que plantexa a compañía Tarabela Creativa nace o proxecto teatral «A tarabela ambulante: Idea», que propón un escenario no que unha nena deixa entrar o aburrimento e, tras uns minutos de queixa, xermola a imaxinación e a fantasía.

A obra estrearase este venres, día 21, en Sarria: pola mañá haberá un pase escolar, e pola tarde, ás 17.30 na Casa da Cultura, outro aberto ao público en xeral. Trátase dunha peza dirixida a público familiar, a partir de 4 anos.

A estrea chega tras unha residencia artística que a compañía desenvolveu en Sarria nas últimas semanas e preséntase como unha oda ao aburrimento como o lugar onde se atopa o portal á fantasía. A mensaxe que pretenden lanzar é que o aburrimento, ao que se lle pecharon as portas nestes tempos é, en realidade, «un ben necesario para a educación dos nenos e das nenas. O caldo de cultivo para a súa creatividade, para aprender a estar consigo mesmos, como forza motora e impulso prosocial», afirman.

A peza teatral está protagonizada por Mariña Pena e escrita e dirixida por Carmen Conde.

—Como nace esta obra?

—Trátase dun proxecto de teatro infantil a modo de oda ao aburrimento, que parte dunha tarabela de cores de máis de dous metros, que é un obxecto permanente da escenografía e que vai ir aportando ideas. A protagonista é Mariña, unha nena que está moi aburrida e se inventa unha personaxe, Idea, e acaba tirando de enxeño e vivindo moitas aventuras na súa propia habitación. A escenografía xoga un papel clave, coa propia tarabela, cos xoguetes a escala inmensa, a música, os efectos visuais e sonoros e o vestiario, para entrar nese universo que se inventa Mariña.

—Falta aburrimento hoxe en día? Témeselle?

—Témeselle moito ao aburrimento, é un sentimento que xera malestar. Pero se conseguimos toleralo, pódese traspasar e dar lugar a grandes ideas. Unha mente aburrida non está quieta, é un portal de acceso á creatividade e á fantasía. E iso é algo que hai que cultivar, sobre todo nesta sociedade dos mil estímulos.

—Por que estrean en Sarria?

—Estamos facendo estas semanas unha residencia artística en Sarria, coa escenografía, os ensaios... nun espazo que nos deixou o Concello na Casa da Cultura. É a segunda vez que o facemos, porque xa tiveramos residencia artística con Boa sorte, mala fama, que estreamos precisamente hai un ano e que aínda segue de xira. Ter este espazo para nós é un luxo, así que Sarria é coma unha segunda casa para nós.

—Quen forma parte deste equipo creativo?

—A actriz que interpreta á nena é Mariña Pena Blanco, que tamén participa en Boa sorte, mala fama, e é unha actriz incrible. A escenografía é obra de Bieito Miranda, son pezas de autor, e concibimos a tarabela coma o elemento central, que representa as voltas que lle damos á nosa cabeza, e dela van saíndo unhas táboas, así que é totalmente interactiva. En canto á arte en cartón pedra da obra, está feita por Marga Portomeñe, e o vestiario corre a cargo de Los alfileres de Elia.

—En que máis proxectos está traballando Tarabela Creativa?

—Tarabela naceu hai seis anos, impulsada por Diego e por min, que xa levabamos vinte anos traballando en proxectos escénicos. Tarabela vén do mundo da narración oral, pero temos proxectos variados. Esta nova obra, A tarabela ambulante: Idea, comezará a xirar trala estrea en Sarria, e a primeira parada será este sábado en Cerdedo-Cotobade. Ademais, seguimos con Boa sorte, mala fama, e co espectáculo de narración oral Vaites, rapariga, para público adulto, con música en vivo a cargo de Su Garrido Pombo.