Miguel Gallego, candidato do PP de Samos: «Tomé ofreceunos todo o que quixéramos, pero non nos vendemos»

félix jorquera LUGO / LA VOZ

SAMOS

Miguel Gallego, candidato PP a alcaldía de Samos
Miguel Gallego, candidato PP a alcaldía de Samos CEDIDA

O fillo do alcalde socialista de Samos critica a falla de inversións da Deputación e insiste en que sempre foi de dereitas

02 mar 2023 . Actualizado a las 19:04 h.

Miguel Gallego deu a sorpresa política lucense do último mes ao converterse no candidato do PP á alcaldía de Samos, onde o seu pai, Julio Gallego, goberna baixo as siglas do PSOE desde o 2007, e para este 2023 dar un paso ao lado e apoiar ao seu fillo do Partido Popular. Miguel Gallego estivo no programa «Voces de Lugo» de Radiovoz, que conduce Félix Jorquera, e foi moi claro sobre os motivos que o levaron a presentarse polo PP e foi crítico co actual PSOE e o presidente da Deputación, José Tomé

-A súa decisión de ir polo PP creou unha polvareda en Samos?

-Si, porque á fin e ao cabo foi unha sorpresa bastante grande. Había xente que xa o sabía e a outros colleunos desprevidos.

-Cando se propuxo ser alcaldable e como foi a reflexión para chegar a ilo?

-Eu sempre fun de dereitas. Pode ser que cando meu pai comezou de alcalde hai 16 anos si coincidía un pouco co PSOE daquela época, pero a día de hoxe as miñas ideas son totalmente contrarias aos socialistas actuais, e como xa tiña ideas de dereitas e meu pai se quería retirar, o PP ofreceume a oportunidade, e non a rexeitei.

-Que opina o seu pai, porque seguro que disto falaron?

- Ao principio choca un pouco, pero ao final nas eleccións municipais a quen se lle vota é á persoa. Eu noutras eleccións sempre traballei para o meu pai nas municipais, e neste caso el me apoiará a min, non imos ter ningunha discusión.

-Toca agora explicar a xestión do goberno local do PSOE nestes catro anos.

-Creo que foi boa. Non tivemos o apoio da Deputación, pero cos fondos que tivemos os administramos ben, mercamos nova maquinaria, fixemos novas obras...

-E como é o seu proxecto para o Concello?

-Teño que aportar neste caso xuventude. Para rehabilitar o concello hai que atraer a máis xente nova, fixar máis postos de traballo, expandirse, evitar a desruralización e introducir novas tecnoloxías, chave nesta década do século XXI na que estamos.

-Os concellos pequenos non paran de perder poboación. Cada vez é máis difícil facer política en concellos pequenos?

-Si claro, é complicado porque partes cun orzamento limitado, e as institucións fíxanse nos concellos grandes, porque teñen máis votos e lles aportan máis, e deixan abandonado ao rural. Pero ao final vanse ter que dar conta de que principalmente o sector primario vén dos concellos pequenos. Nas grandes cidades non vexo que teñan gandería e sector agropecuario.

-Que lle pareceron as declaracións de Tomé sobre transfuguismo e de compra de vontades de persoas en Samos? Dixo que deben de pensar de que Samos é deles, como unha dinastía.

-Fanme graza. O PSOE ten abandonados aos alcaldes. Levamos anos e anos pedindo cousas, sen que che collan as chamadas. Pero o que non di Tomé é que sete días antes de que se presentara a miña candidatura el veu por Samos, ofrecendo todo o que quixéramos. O que pasa é que nós así non nos vendemos. E el tampouco pode falar de dinastías, porque el tamén ten ao seu fillo de concelleiro en Monforte. As alcaldías non se herdan, son votadas polo pobo. Se o pobo nos está votando é que o estamos a facer ben. Que eu saiba este cargo non se herda. Eu vou a traballar todo o que poda polo pobo. Fala Tomé de que ten un candidato ganador, pero de momento non ten nada. A día de hoxe o PSOE non ten presentado candidato.