A mobilización traspasa os límites dos grandes núcleos para acomodarse ás demandas locais
SARRIA

A expansión que ven de vivir o movemento feminista fixo máis visible as mobilizacións nos grandes núcleos urbanos e puxo de manifesto aqueles onde o que había era silencio. Mulleres de Raíz naceu en Sarria para quebralo e así o fará o domingo a golpe de cazarola. Conseguir a igualdade entre homes e mulleres supón un reto común, aínda con características propias de cada zona e elas están comprometidas a responder ás demandas desta loita en Sarria.
«En sitios moi vinculados ao rural e en núcleos de poboación máis pequenos, a mobilización non estaba organizada, entón Mulleres de Raíz xurde en Sarria desa necesidade», explica Olalla Losada, que exerce como presidenta á espera de que o grupo de 20 mulleres que forman parte do colectivo nacido en 2018 se constitúa formalmente como unha asociación.
Para Losada, as características socioeconómicas da comarca tamén demandaban a creación dun grupo feminista, ao atoparse as mulleres concentradas no sector servizos ou na agricultura, traballos «atravesados pola desigualdade de xénero», sinala. «Quizás aquí vemos un perfil menos empoderado, no que a loita pola igualdade de dereitos chega de forma máis feble», engade.
Mulleres de Raíz se sumará este domingo ao lema proposto pola Plataforma Galegas 8M: «Sen coidados non hai vida», co que darán visibilidade aos empregos desempeñados por mulleres e pouco recoñecidos. Animan a sumarse ataviadas cun mandil e cunha cazarola na man para a concentración que partirá ás 12.00 horas da Praza da Constitución ata a Praza da Vila, onde lerán un manifesto.
Máis alá do domingo, Losada fixa o obxectivo de atopar un espazo no que reunirse e compartir «en confianza problemas comúns que afectan ás mulleres no seu día a día». Á espera de conseguilo -e porque non pode ser todo loita se non tamén gozo-, invitan o domingo a un vermú feminista no que darse a coñecer á veciñanza.