
O condutor que o golpeou co seu coche a altura de Goián (Sarria) deuse á fuga
24 jul 2020 . Actualizado a las 20:43 h.José Antonio Armesto circulaba o xoves na súa bicicleta preto da gasolineira de Goián (Sarria) cando un vehículo o golpeou ao adiantalo. Tras rodar polo asfalto esperou atoparse coa a axuda do condutor, pero non se detivo a auxilialo. Ninguén viu nada e as cámaras de seguridade da zona non están orientadas á estrada. De baixa polas feridas que o levaron ao hospital, Armesto denunciouno na Garda Civil. «Da medo pensar que me viu e non parou», lamenta.
«Grazas ao casco non foi nada, pero tiven que coller a baixa. Levoume a ambulancia ao HULA e estou golpeado, cun brazo e unha perna queimados polo roce co asfalto», explicaba Armesto onte, cando publicou no seu perfil de Facebook as imaxes cos danos que sufriu, así como unha chamada á cidadanía para dar co condutor do vehículo que se seu á fuga.
«A sensación é de impotencia e de rabia porque para iso están os seguros. Un despiste pode telo calquera, pero as consecuencias van ser peores se marchas»
«A sensación é de impotencia e de rabia porque para iso están os seguros. Un despiste pode telo calquera, pero as consecuencias van ser peores se marchas», razoaba este afeccionado ao ciclismo. Adoita ir acompañado, pero o xoves á mañá ía so por ser un día entre semana.
O único que acertou a ver tras repoñerse do golpe foi a cor do coche, que era vermello, pero cre que será difícil dar con el porque se trata dunha estrada secundaria.