O Arousa inicia a segunda volta ao bordo da crise no feudo dun rival directo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

SARRIA

Tafa Kanteh, última fichaxe do Arousa, podería debutar esta tarde ante a Sarriana
Tafa Kanteh, última fichaxe do Arousa, podería debutar esta tarde ante a Sarriana MARTINA MISER

Míchel Alonso podería darlle entrada no once titular fronte á Sarriana á súa última fichaxe, o central catalán Tafa Kanteh

19 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Con media liga enteira inda por diante de hoxe a mediados de maio, o Arousa inicia esta tarde (17 horas) a segunda volta no campo da Sarriana obrigado a gañar. Por moitos motivos, a cada cal de maior peso.

O primeiro deles, o feito de medirse ao rival directo que o precede na zona nobre da clasificación, cuarto con 32 puntos, tan só un máis co conxunto vilagarcián. A segunda razón é a necesidade de comezar a morder e enxugar a desvantaxe de 5 puntos co que o cadro de Míchel Alonso chegou á metade do camiño respecto ao líder, a UD Ourense, de cara a pelexar un título que garante o único ascenso seguro á Segunda RFEF. E a terceira razón é evitar volver de Sarria coa etiqueta de equipo en crise no maleteiro.

E é que o Arousa se presenta no arrinque da segunda volta logo de sumar tan só 2 dos seus últimos 9 puntos, incluído o partido aprazado da xornada 12 co CD Boiro, e tras non ser quen de pasar do empate nas súas tres últimas comparecencias en Liga. Debilidade preocupante esta última na Lomba que se une á súa segunda derrota coma visitante a semana pasada, contra o Alondras, poñendo fin a unha xeira de sete vitorias consecutivas xogando en campo contrario.

O adestrador do Arousa, Míchel Alonso, advirte do perigo do fútbol combinativo da Sarriana. Sen Luis, Carlos Torrado nin Álex Compa, pero con Duque e a incorporación do central catalán Tafa Kanteh (14/11/1998), fichado este luns procedente do CFJ Mollerussa catalán, o cadro vilagarcián busca hoxe dar un golpe na mesa.