









A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organizou o festival Move os teus Marcos en lembranza do xestor cultural sarriao Marcos López
21 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Sarria viviu este domingo unha xornada de reinvidicación da cultura como poder transformador a través dun encontro que conxugou música, literatura, activismo e gastronomía. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organizou o festival Move os teus Marcos en lembranza do xestor cultural sarriao Marcos López, falecido o pasado mes de agosto. A súa irmá Patricia López foi a encargada de dar o pregón da cita, que estaba pensada arredor da diversidade e do compromiso coa nosa lingua, valores que marcaron a súa traxectoria profesional e o seu activismo.
Carlos Callón, profesor e escritor; Daniela Ferrández, historiadora e investigadora da memoria LGBT en Galicia; Braulio Vilariño, organizador do Festival Agrocuir e Chené Gómez, da ONGD Creart, foron os encargados de inaugurar o programa cunha mesa coloquio dedicada ao apoio psicosocial a través da arte en Gaza. Logo desta proposta, que tivo lugar na terraza da Cervexería Don Pepe, organizouse un paseo teatralizado sobre a historia do municipio, o seu patrimonio e o Camiño. Foi en colaboración con Ultreia et Suseia e participaron a guía Silvia Mondelo e as asociacións Meigas e Trasgos, Peleriños e Rebuldeira Teatro.
Tras o pregón, o xantar e a foliada aberta, Luís López Alonso e Rafael Mallo, percusionista de Triángulo de Amor Bizarro, deron comezo ao recital poético musical «Canto en Parada» inspirado na obra de Uxío Novoneyra. A cativada puido gozar de numerosos obradoiros e, como prato forte, Mondra e De Vacas protagonizaron unha actuación conxunta, logo de ofrecer ose seus concertos por separado, coa que se unía por primeira vez o seu talento.