Marta Rouco, futura alcaldesa de Vilalba: «Gústanme as cousas ben feitas. Son moi perfeccionista»

Suso Varela Pérez
Suso Varela VILALBA / LA VOZ

VILALBA

La concejala Marta Rouco será la nueva alcaldesa
La concejala Marta Rouco será la nueva alcaldesa Laura Leiras

A número dous da lista do PSOE di que traballará por unha Vilalba máis amable para as persoas e para asentar poboación

04 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Marta Rouco (Goiriz, 1983) será dentro duns días a nova alcaldesa de Vilalba trala dimisión de Elba Veleiro. Rouco é Licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC e ocupou postos de xestión e administración en distintas sucursais bancarias. Desde hai seis anos é a xerente do Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo. Aínda non tivo moito tempo de asimilar o cambio que se lle aveciña pero destaca que o fai con responsabilidade e por compromiso.

—Como tomou a dimisión de Veleiro?

—Xa nolo anunciou uns días antes do pleno, e todos os compañeiros sentimos por ela un enorme cariño e respecto. É unha decisión persoal, pero tivemos una sensación de tristura pola súa marcha. Sei que poderei contar coa súa axuda cando chegue á Alcaldía.

—Como se definiría?

—Pois mira, unha muller que non lle ten medo a asumir responsabilidades, porque as mulleres debemos de facelo. E logo son moi vilalbesa, sigo coa miñas amigas do instituto, xogo no equipo de pádel de Vilalba. E logo veño dunha familia dunha parroquia, moi humilde e que estudou na educación públicas grazas ao sistema de becas. Todo isto configura a miña personalidade.

—Pero non ten tradición política na familia.

—Non. Meus pais sempre foron de esquerdas, e lembran que cando tiña 4 anos púxenme a ler propagando electoral que chegou á casa (risas). Ao final foi un proceso natural que acabase sendo socialista xa que veño dunha familia onde se valora a igualdade de oportunidades.

—Cando dá o paso para meterse en política?

—Fun como independente de número 6 na lista do 2011. Eduardo Vidal era amigo da miña familia e mo propuxo. Penseino e dixen que si porque creo que a política non é algo negativo, senón unha ferramenta para axudar a mellorar a sociedade. Impliqueime na política local, onde todos nos coñecemos.

—Pero nunca pensou en chegar algún día a ser alcaldesa?

—Non era algo que estivera na miña cabeza. Eu o que quería era traballar e comprometerme para defender as causas xustas.

—E tivo tempo de pensar que Vilalba quere para o futuro?

—Eu son moi de Vilalba. Cando chegamos ao goberno no 2019 sentamos a bases para facer un modelo de vila cun urbanismo máis sostible, máis cómodo para a vida das persoas e con máis transparencia á hora de xestionar. E tamén buscamos servizos que melloren a vida dos cidadáns, como a conciliación. Só así podemos axudar ás familias para que se queden a vivir en Vilalba. O importante na política municipal é o día a día e traballar polo teu pobo para vivir a gusto entre todos.

—É consciente de que lle vai a cambiar a vida e estar operativa as 24 horas.

—A iso non lle teño medo porque xa estou afeita xa que traballo nun servizo de emerxencias. A min gústanme as cousas ben feitas e son moi perfeccionista. Xa teño a experiencia porque levo anos de segunda tenente de alcalde.

—Tería moitas chamadas e mensaxes desde que se soubo que será alcaldesa.

—Pois si, o teléfono non parou. Non destaco ningunha. As amizades que me aprecian déronme os parabéns, aínda que tamén houbo bromas (risas).