A mobilidade na investigación

Ángel Carracedo INVESTIGADOR DE LA USC

MERCADOS

17 sep 2017 . Actualizado a las 04:49 h.

Dentro do mundo da ciencia a mobilidade e básica. Aprender doutras formas de facer as cousas e enfocar os problemas é sempre enriquecedor. A resposta aos problemas científicos esixe hoxe unha abordaxe multidisciplinaria e os contactos e saber quen te pode axudar para darlle unha resposta aos enigmas da vida, estea aquí, en Suecia ou Australia, vaise aprendendo a base de tempo e viaxes. Pero aínda é mais importante o que estes aportan na propia maneira de entender o mundo, os seus problemas, as cousas boas que cada cultura e pobo como cada individuo teñen, e as cousas que podemos mellorar.

Eu sempre aprendín e sigo aprendendo nos meus viaxes (que é rara a semana que non teño) e animo á xente que queira facer investigación a que faga o esforzo de moverse. Tamén é certo que hai lugares nos que me atopo máis a gusto que en outros, e aínda que tiven moitas ofertas de traballo fóra e moitas delas moi tentadoras (e para mín o científico foi sempre moito máis tentador que o económico), sempre quixen traballar en e para a miña terra e estar ao carón dos meus.

A Ciencia é un exercicio universal, que en todo o mundo pode ter espazos propios, que se nega a aceptar fronteiras. Mais, ao tempo, os científicos somos seres humanos, con querenzas; e os científicos galegos levamos connosco tanta carga de morriña e saudade como leva calquera outro emigrante.

E moitos de nós queremos facer Ciencia aquí. Cómpre poñer entre todos -científicos ou non- os recursos necesarios para que cantos nos formamos en Galicia, poidamos vivir onde nos pete e acaia, aínda que a Humanidade nos fique pequena de tanto viaxarmos e partillarmos coñecemento pola face da Terra.